Santiago, 30 de xullo de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe, na presentación do balance da actividade parlamentaria desenvolvida nesta primeira metade da X Lexislatura, que o 80 por cento das iniciativas debatidas en sesións plenarias foron a proposta dos grupos da oposición, co que “estamos a conseguir o obxectivo de facer do Parlamento o centro político de Galicia”. Puy destacou, ademais, o labor de control ao Goberno galego desenvolvido desde a Cámara, xa que teñen comparecido unha media de 2,4 veces cada día desde o inicio da lexislatura.
Pedro Puy concretou que o Parlamento galego leva realizado un total de 588 xuntanzas dos seus órganos nesta X Lexislatura, salientando as 104 sesións celebradas pola Comisión 3ª, as 50 da Comisión 5ª ou os 46 plenos. A actividade das sesións parlamentarias supera as 1.560 horas, das que máis de 567 horas corresponden a sesións plenarias e sitúan ao Parlamento galego como o que máis tempo se reúne en pleno de todas as comunidades autónomas.
O Parlamento galego leva aprobados 13 textos lexislativos, dos que 9 foron remitidos polo Goberno galego, 3 por parte dos grupos parlamentarios e unha iniciativa lexislativa popular. Neste sentido, o portavoz popular salientou que no último período de sesións aprobouse a modificación da Lei de saúde de Galicia, así como a nova proposición solicitando a transferencia da AP-9 á Comunidade galega.
SEN DISCRIMINACIÓN NIN SECTARISMO
Respecto das iniciativas debatidas en sesión plenaria, Puy concretou que se teñen realizado 929 cuestións, das que 367 foron de impulso e 562 de control ao Goberno galego. Neste punto, salientou que o 80 por cento destas iniciativas foron a proposta dos grupos da oposición (754), “o que demostra que a capacidade que teñen de influír no que se debate no Parlamento”.
No que levamos de lexislatura, se teñen aprobado en Pleno un total de 120 proposicións non de lei, das que 55 saíron adiante por unanimidade e 51 correspondían á oposición “sen cometer ningún tipo de discriminación ou sectarismo xa que existe unha práctica igualdade entre os tres grupos”.
Entre as cuestións sobre as que se teñen acadado acordos parlamentarios, Puy destacou o tratamento das persoas que padecen ictus, infartados ou diagnóstico de enfermidades raras; a imbricación da formación profesional co tecido produtivo; a mellora da conciliación co impulso de casas niño; a loita contra a discriminación por causas de maternidade; a reforma do financiamento autonómico; o impulso das intermodais; o plan básico autonómico; o plan de cooperación exterior; ou o emprendemento de accións legais para a recuperación do Pazo de Meirás ao dominio público.
INICIATIVAS BOAS
En relación coas comisións parlamentarias, Pedro Puy sinalou que se teñen aprobado 284 proposicións non de lei, das que o 60 por cento eran a iniciativa da oposición e o 65 por cento foron por unanimidade de todos os grupos parlamentarios. Deste xeito, subliñou que desde o Grupo Popular “non está a pasar o rolo, porque existe predisposición pola maioría para levar adiante as iniciativas que se consideren boas, tanto propias como dos grupos da oposición”.
Así mesmo, se celebraron en comisión 108 comparecencias de membros do Goberno galego, ao tempo que responderon a 867 preguntas, das que máis do 80 por cento foron realizadas polos deputados da oposición. En total, o Goberno galego ten realizado unha media de 3,66 comparecencias ou respostas a preguntas en cada comisión celebrada.
Polo que respecta ás redes sociais, o Grupo Popular realizou 1.389 novas publicacións entre os meses de xaneiro e xullo deste ano, o que supón unha media de 198 informacións mensuais. Así mesmo, estas publicacións foron vistas en 835.200 ocasións. O número de seguidores do Grupo Popular en Twitter e Facebook incrementouse neste tempo en 394.