Santiago, 9 de outubro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, valorou hoxe “positivamente” o Debate sobre o Estado da Autonomía celebrado a pasada semana, “non só polas propostas de resolución aprobadas, senón tamén porque serviu para clarexar ante a sociedade a posición que manteñen os distintos grupos parlamentarios sobre os temas de actualidade, incluso con algunha división interesante nalgún grupo en relación co marco constitucional”.
Neste sentido, lamentou que En Marea e BNG votaran en contra das rebaixas fiscais, de reformar o Servizo Público de Emprego, de defender o sector turístico, de aumentar a Tarxeta Benvida ou as prazas de escola infantil; de chegar o vindeiro ano aos 60.000 dependentes atendidos; ou da creación do campus de formación profesional.
Puy lembrou que o Grupo Popular afrontou o debate con propostas de resolución englobadas en cinco grandes apartados: economía e emprego; infraestruturas; sectores produtivos; servizos públicos; e institucional”. En resumo, o portavoz lamentou que “das 35 propostas de transacción sobre os textos dos grupos oposición que ofrecemos non aceptaron ningunha, mentres que nós aceptamos cinco das 18 propostas que nos fixeron”.
Respecto dos acordos acadados coa oposición, o portavoz popular salientou que os socialistas foron o grupo parlamentario “que tivo máis predisposición para o acordo, conseguindo unha ampla maioría nas resolución sobre a adhesión ao discurso do Rei e o cumprimento da orde constitucional; a defensa e apoio dos corpos e forzas de seguridade do Estado; e a eliminación dos elementos de exaltación do franquismo.
VOTOS EN CONTRA CHAMATIVOS
Porén, Puy lamentou que “desgraciadamente non foi posible chegar a acordos en materia de violencia de xénero, onde vimos de sucesivos consensos en Galicia e Madrid respecto do pacto contra esta lacra social”. “Desexábamos que houbese unha unanimidade que continuase mandando esa sinal ás vítimas de que, polo menos desde a esfera pública, hai unha conciencia da importancia de actuar contra este tipo de violencia, que non foi posible principalmente polas negativas do BNG que pretendeu introducir algúns obxectivos especialmente optimistas en materia financeira”, engadiu.
Así mesmo, o portavoz popular lamentou que tanto En Marea como o BNG votaran en contra das resolucións sobre as rebaixas fiscais; a reforma do Servizo Público de Emprego; a defensa do sector turístico; a mellora das medidas para a conciliación da vida familiar e laboral; o reforzo da FP; a protección dos produtos galegos de calidade; o incremento das medidas contra os desafiuzamentos; ou o fomento dos combustibles alternativos.
Puy considerou “especialmente chamativo” o voto en contra á iniciativa na que se condenaba todo tipo de manifestación ou accións que conteña violencia verbal ou física e promovan o enfrontamento, odio, a intimidación e menoscaben as liberdades e os dereitos das persoas que formen parte tanto das institucións públicas como dos diferentes partidos políticos”. “Déixanos perplexos, porque en vez de estar polo principio de que a acción ou reunión dos representantes públicos debe estar protexida fronte a calquera intento de intimidación, para En Marea e BNG iso só se aplica nalgúns casos e non noutros”, indicou.
Respecto da sesión plenaria ordinaria que se celebra a vindeira semana, Pedro Puy avanzou a previsión de que se debatan alomenos dous textos lexislativos. O primeiro é unha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular de corresponsabilidade parental e de relacións familiares no cese da convivencia; e a segunda é a proposición de lei de fomento de iniciativas empresariais en Galicia, da que hoxe mesmo aprobouse o ditame na reunión da Comisión 6ª.
Así mesmo, o portavoz popular informou que están en disposición de proceder ao seu debate de totalidade os proxectos de lei de portos e de espectáculos públicos e actividades recreativas.
FELICITACIÓN A GONZALO CABALLERO
Cuestionario sobre a elección de Gonzalo Caballero como novo secretario xeral do Partido Socialista en Galicia, Pedro Puy felicitouno e desexoulle “todo o mellor, porque o PSOE é unha peza esencial no sistema de partidos e é bo que teña unha dirección e unha liña de actuación, así como un interlocutor lexitimado para falar en nome do Partido Socialista”.
“Confío que a súa orientación académica no ámbito da economía institucional se traduza na capacidade do grupo socialista por ter un diálogo baseado nos principios das boas normas e boas institucións para desenvolver o crecemento económico”, indicou.