Santiago, 22 de setembro de 2017.- Raquel Arias salientou que o compromiso da Xunta na promoción e fomento do galego “está fora de dúbida, tanto no que atinxe á súa política lingüística como á encomenda que a propia Lei de normalización lingüística fai á CRTVG como instrumento difusor e promotor da lingua e a cultura galegas”.
Raquel Arias indicou que esta afirmación está avalada polo feito de que, segundo reflicten os datos do Instituto Galego de Estatística, “o galego goza, na actualidade, do nivel de coñecemento máis alto de todas as linguas cooficiais de España”.
INXERENCIA NAS COMPETENCIAS DO ESTADO
A deputada popular fixo estas afirmacións esta mañá no transcurso do debate dunha proposición de lei presentada polo BNG na que querían que a Xunta fiscalizara á corporación de RTVE no que o uso da nosa lingua se refire. Arias reprochou aos nacionalistas que pretenderan a inxerencia do Goberno galego nas competencias que corresponden á Administración Xeral do Estado para paliar a súa falla de representación no Congreso e no Senado.
“O Goberno galego, e por extensión a Autoridade Audiovisual de Galicia, non ostentan potestade ningunha sobre a Corporación de Radio y Televisión Española”, dixo, ao tempo que lembrou que nas Cortes Xerais existe, “como acontece no Parlamento de Galicia coa CRTVG, unha Comisión mixta de control para dilucidar este tipo de asuntos”. “Considero, en consecuencia, que non é aquí onde teñen vostedes que formular estas peticións”, zanxou.