Santiago, 20 de decembro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Raquel Arias defendeu hoxe no Pleno do Parlamento as medidas desenvolvidas pola Xunta na loita contra a vespa velutina dende que, en 2012, se detectou a presenza desta praga en Galicia.
A deputada popular lembrou que a Xunta está a aplicar dende o 2014 un Plan de Control baseado en catro eixos: o reparto gratuíto de trampas aos apicultores, preto de 11.000 ata o de agora; a retirada de niños, 33.000 nos últimos dos anos; e a realización de campañas de divulgación e formación, repartíronse xa máis de 180.000 folletos, 1.700 carteis informativos e celebráronse 29 xornadas con máis de 1.100 participantes.
APOSTA POLA INVESTIGACIÓN
Tamén se aposta, como cuarto eixo, pola investigación. Así, ademais de subliñar ás diferentes liñas de estudo que se están a desenvolver en colaboración coas universidades de Vigo e Santiago para coñecer as peculiaridades desta especie, fixo mención especial ao programa Interreg Sudoe, ao que concorre a Consellería de Medio Ambiente xunto, entre outros colectivos e asociacións, aos centros de investigación vascos, franceses e portugueses e as universidades de Vigo e Santiago para desenvolver un proxecto dirixido a contribuír á preservación dos sevizos de polinización mediante métodos de control da velutina.
Raquel Arias puntualizou que a colocación de trampas para a captura de raíñas “ten unha eficacia limitada”. “Dado que non existe aínda un atraente específico para a velutina, o seu uso masivo pode conlevar a captura doutras especies, coma a nosa vespa común, a única que pode loitar contra a invasora, e danar, en consecuencia, a biodiversidade”, apuntou.
Por esa razón, o protocolo que aplica a Xunta a este respecto, baseado na estratexia nacional que marca o Goberno central e no que tamén coincide o manual que aplica o Goberno vasco e recomendan diversos estudos científicos, incluída a investigación efectuada pola propia Universidade de Vigo, recomenda “precaución” no seu uso polo que a súa colocación restrínxese a primavera e ao entorno das colmeas.
Arias destacou, así mesmo, que dende hai dous anos está constituída unha comisión de seguimento, que “asume a xestión, control e coordinación da loita contra a velutina”.