O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita que a Xunta poña en marcha un recurso específico dirixido ás empresas co obxecto de axudalas a detectar, acompañar e apoiar cando unha muller está a ser vítima de violencia de xénero.
A portavoz popular de Política Social, Raquel Arias, manifestou que “detectar unha situación de violencia de xénero no entorno laboral e actuar de maneira eficaz pode ser clave para lograr que unha muller pida axuda e supere a situación que está vivindo”. “As empresas tamén desempeñan un papel destacado no compromiso e a loita contra este tipo de violencia, garantindo e protexendo os dereitos das mulleres vítimas de violencia de xénero, aínda que a agresión se exerza no ámbito privado”, apuntou.
AFECTAR AO TRABALLO
“As empresas deben sen conscientes de que as consecuencias desta violencia na saúde física e psicolóxica da muller poden afectar ao seu traballo, e poden facer perigar a súa relación laboral coa empresa, o que incrementa a súa vulnerabilidade e a súa dependencia do agresor”, sinalou Raquel Arias. Neste sentido, sinalou que “cada vez máis empresas toman conciencia desta situación e adoptan medidas máis alo dos mínimos esixidos pola lei, para crear un entorno máis seguro e equitativo e compartindo esa responsabilidade como parte da sociedade”.
Deste xeito, explicou que “o recurso que propoñemos non é un protocolo de actuación sistematizado, senón unha ferramenta de apoio ás empresas que contribúa á prevención e á erradicación da violencia de xénero mediante o apoio ás vítimas, establecendo unha serie de orientacións básicas para axudar a detectar que unha traballadora pode ser vítima de violencia de xénero no ámbito persoal e ofrecendo recomendacións sobre que facer ou como actuar desde o momento en que se perciben os primeiros indicios”.