O responsable de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional do Goberno galego, Román Rodríguez, asinou hoxe xunto a outros representantes autonómicos do Partido Popular un acordo para a implantación dunha ABAU común nas comunidades gobernadas polo partido.
“Estamos facendo o que non fai o Goberno de Pedro Sánchez no que se refire a xerar un marco de igualdade de oportunidades para todos os estudantes”, asegurou a este respecto en declaracións aos medios antes de asinar ese acordo no marco do acto Por unha ABAU máis xusta organizado polo PP en Salamanca.
Rodríguez puxo en valor a capacidade de coordinación das 12 comunidades autónomas gobernadas polos populares, que representan ao 70% do alumnado español, e a súa “capacidade para aportar unha serie de criterios comúns en termos de organización, contidos e avaliación para facer unha proba de acceso á universidade máis xusta e que garanta a igualdade”.
De aí o acordo asinado hoxe e que, tal e como defende o responsable desta área no Executivo autonómico, non só “combina o rigor e o respecto á lexislación vixente”, senón que ademais “garante as características específicas de Galicia como é a nosa lingua propia”.