Santiago, 29 de setembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia a través da que solicita á Consellería de Sanidade que, dentro do seu futuro Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, inclúa a remodelación integral e ampliación do actual centro de saúde de Carballo, co obxectivo de acoller nel un Centro Integral de Saúde que dea servizo a toda a comarca de Bergantiños.
“A negativa no último Pleno municipal do BNG e do Goberno de Carballo a apoiar a mellora da atención sanitaria que reciben os veciños desta comarca non nos vai frear no noso obxectivo de que Carballo conte cun renovado e ampliado centro de saúde”, sinalou.
Rubén Lorenzo salientou que “a mellora dos servizos sanitarios que se prestan aos veciños de Carballo é unha das nosas maiores preocupacións, para o que consideramos imprescindible a creación dun novo Centro Integral de Saúde no que se integren as consultas de atención primaria que se prestan actualmente no noso concello, o punto de atención continuada e a presenza de determinadas consultas especializadas”.
CUMPRE COS REQUISITOS
“Deste xeito, avogamos porque a Consellería de Sanidade leve adiante as obras necesarias de ampliación e reforma integral do actual centro de saúde de Carballo para potenciar a súa capacidade de atención sanitaria e dar cabida á incorporación dun maior número de servizos e pacientes”, manifestou.
O deputado popular lembra que a comarca de Bergantiños “cumpre cos requisitos para contar cun Centro Integral de Saúde, xa que estamos a falar dunha comarca con máis de 60.000 habitantes e cuxa capital está a unha distancia de arredor de media hora en coche do hospital de referencia”.