O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, recoñeceu hoxe o traballo que fan día a día os alcaldes e alcaldesas máis novos do partido na medida en que demostran que a “política de calidade” tamén pode ser sinónimo de mocidade: “Se somos o partido que máis se parece a Galicia e á súa xente é porque cremos na capacidade da xente nova para ocupar postos de responsabilidade”.
Así o manifestou esta mañá no encontro que mantivo con eles en Oroso xunto á secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira. Un encontro no que o líder dos populares galegos cualificou a xestión dos concellos como “a mellor escola política”.
“É de recoñecer que tanta xente nova estea ocupando un posto tan complicado como o de alcalde ou alcaldesa. Porque é onde máis problemas hai que xestionar e tes que facelo desde a proximidade ás necesidades da veciñanza. Pero tamén é o posto onde máis se aprende”, explicou neste sentido.
Rueda quixo facer extensivo todo este recoñecemento a toda a mocidade do PPdeG que decide dar un paso adiante e asumir postos de responsabilidade política, xa sexa como concelleiros de goberno ou de oposición, porque con ilo demostran “os seus propios méritos, a súa responsabilidade e o seu traballo”.
A todos eles tendeulles a man e invitounos a dar conta das necesidades específicas dos seus concellos para que así o Goberno galego poida seguir colaborando con eles á hora de “atender aquilo que máis preocupa á sociedade en xeral e á mocidade en particular” e ofrecer solucións.
Recoñecendo a cuestión da vivenda como unha das principais preocupacións da mocidade nestes momentos, o líder dos populares galegos puxo sobre a mesa algunhas das medidas que desde a Xunta se están tomando neste sentido, como: a reserva do 40% da vivenda social en alugueiro e do 25% en venda para menores de 35 anos, os avais para conseguir unha hipoteca ou as rebaixas fiscais destinadas a facilitar a compra e o aluguer dunha primeira vivenda.
Trátase de medidas complementadas á súa vez por unha folla de ruta integral pensada por e para a mocidade en diferentes eidos e na que se inclúen os programas de ‘mentoring’, os incentivos ás empresas para a contratación de xente nova ou a Estratexia Retorna para favorecer a volta de mozos e mozas doutros países e de orixe galego para empezar unha nova vida en Galicia.
AS DIFERENTES FORMAS DE FACER POLÍTICA
Todo isto contrasta, segundo subliñou o presidente do PPdeG, coa “locura” na que se ten convertido a política en España, cun goberno socialista “ocupado en todo menos gobernar” e que “vai a escándalo por día e pretende sobrevivir tapando o escándalo do día anterior co escándalo do día seguinte”.
Uns escándalos que, lamentou, tamén chegaron a Galicia –e máis concretamente á provincia de Lugo– da man do PSdeG e coa “complicidade absoluta” dun BNG que “goberna con todos eles e prefire mirar cara outro lado antes que reaccionar coa contundencia que os feitos requiren”.
“Alégrame que a xente poida percibir as diferentes formas de facer política e que nós esteamos a outra cousa”, afirmou Rueda ao tempo que destacaba a contribución da política “feita desde o sentidiño, a xestión e a preocupación polos problemas reais da cidadanía” á consolidación do que se percibe como “Galicia Calidade”.
Para o líder dos populares galegos, todos os alcaldes e alcaldesas reunidos hoxe en Oroso “representan ben esa maneira que ten o PPdeG de facer as cousas e de facelas ben, ocupándose do que verdadeiramente importa e desprezando a mala política dos escándalos, de mirar cara outro lado cando hai que actuar con contundencia e de crear tensión como ferramenta para conseguir fins políticos”.
“A política boa e de verdade é o día a día do traballo desde os concellos. Por iso me alegro de que teñamos tanta xente nova que sexa un exemplo de todo iso e doulles as grazas pola valentía que demostran ocupando estes postos e entendendo que a mellor política é a que se fai desde os concellos”, concluíu.
A MOCIDADE QUE GOBERNA
No encontro estiveron presentes a maioría dos 15 alcaldes e alcaldesas do PPdeG menores de 40 anos: Ángel Pérez (Guntín), Gonzalo Louzao (A Estrada), Manuel Fernández (Baños de Molgas), Fernando Couce (Cabanas), Luis Insua (Fisterra), Pablo Graña (Xunqueira de Espadanedo), Álex Doval (Oroso), Melisa Macía (Vilariño de Conso), Pablo Barcia (Mondariz), Pablo Rivas (Portomarín), Jorge Cubela (Cerdedo-Cotobade), Esteban Ares (Lousame), María Sampedro (Ribeira) e Rebeca Sotelo (Cenlle). Aos que habería que engadir ao alcalde de Baralla, Miguel González.
Xunto a eles estaba tamén Nicole Grueira, presidenta de Novas Xeracións de Galicia e que, con 21 anos, foi a candidata máis nova nas eleccións de 2023 e, meses despois, converteuse na primeira deputada autonómica nada no século XXI.
Álex Doval, que exerceu de anfitrión, quixo salientar o que, a pesar das diferentes procedencias “desde o concello máis rural ata o máis urbano”, une a todos eles: “Somos persoas novas que decidimos dar un paso adiante para liderar os nosos concellos, non sen dificultades nin atrancos, pero sempre co apoio do partido”.
De feito, e en contraposición a quen considera que o PPdeG é “o partido da xente maior”, considera que a reunión de hoxe é “a mellor demostración de que o PPdeG non só é o partido que máis se parece a Galicia, senón tamén o partido que máis se parece á mocidade galega”.
O alcalde de Oroso explicou que tanto el como o resto de alcaldes menores de 40 anos ao final o único ao que aspiran é a “gobernar con cabeza, facendo as cousas ben, con proximidade, con rigor e sendo capaces de chegar á xente”.