O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse hoxe a ir a Teo ao longo desta lexislatura para facer realidade os proxectos que o Goberno galego ten en marcha neste concello con “moitísimo futuro”. “Imos facer moito no que queda destes catro anos”, subliñou.
Rueda participou na I Xuntanza Anual do Partido Popular de Teo, na que exerceu como anfitrioa a alcaldesa e presidenta do PP local, Lucía Calvo, e na que participaron preto de 600 persoas.
“A diferenza entre un concello que durmía e un concello que espertou e vai a por todas chámase Lucía Calvo”, salientou sobre a rexedora, e asegurou que “desde hai dous anos, en Teo respírase outro ambiente”.
Así, o líder dos populares galegos sinalou que este municipio “necesitaba un revulsivo para saír desa parálise na que estaba e necesitaba unha persoa que lle puxera as pilas a todo o mundo e que dixera que as oportunidades que estaban aproveitando noutros sitios, aquí había que aproveitalas tamén”.
Neste sentido, destacou tamén de Lucía Calvo que é “unha persoa que non acepta un non por resposta, insistente e firme á hora de esixir o que faga falta”: “O único que quere é protagonismo para o concello que goberna”.
Entre os proxectos, Rueda mencionou o avance para completar a autovía entre Santiago e A Estrada (AG-59), que beneficiará directamente aos veciños de Teo.
DIEGO CALVO: “EN TEO QUEREMOS MÁIS PP E MÁIS LUCÍA”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, felicitou á agrupación local e a Lucía Calvo pola iniciativa desta xuntanza, un tipo de encontros que “dan forza” para seguir co proxecto que os populares puxeron en marcha hai dous anos. “Un proxecto de estabilidade e de seriedade no seo do goberno local, pensado só para servir aos veciños de Teo e para conseguir que Teo teña todo aquilo que necesita”, subliñou.
Calvo abundou en que agora este concello está “apartado de liortas de tripartitos formados por todo o que os galegos levamos anos dicindo que non queremos: nin BNG, nin PSOE, nin mareas”. “Por iso, aquí en Teo queremos máis PP e máis Lucía, un grande exemplo por moitas cousas e todas boas”, concluíu.
MIGUEL TELLADO: “O PSOE É O PARTIDO DOS PEORES GOBERNOS”
Pola súa banda, o portavoz do PP no Congreso dos Deputados, Miguel Tellado, acusou ao Goberno de Sánchez de non ter principios por sentar a Bildu na Moncloa. Segundo denunciou, o Executivo “sen principios” de Sánchez borrou os delitos de malversación e sedición e “normalizou” aos herdeiros de ETA.
“Esta semana tivemos que ver unha imaxe tremendamente lamentable: como a portavoz de Bildu accedía ao Palacio da Moncloa para pactar non se sabe que co Goberno de Pedro Sánchez”, censurou, á vez que afirmou que o PSOE é hoxe «o partido da corrupción, dos peores gobernos, do enchufismo e do amiguismo, e de tanta hipocrisía».