4 de abril de 2023. O presidente do PPdeG reivindicou que, no día no que se convocaron oficialmente as eleccións municipais do 28 de maio, a formación traballou “con tempo e con planificación” para que fosen xa coñecidos os seus 313 candidatos: “Agora o que toca é rematar o traballo que os nosos cabeza de lista levan facendo desde que foron designados”.
A característica común de todos estes candidatos, segundo apuntou, é que “non teñen hipotecas nin máis instrución que dirixirse aos veciños para dicirlles o que xa fixeron e o que queren facer” e “non depender doutra cousa que da vontade dos veciños”.
“A diferencia doutros partidos, os candidatos do PPdeG non teñen que ocultar as súas siglas e non aspiran nin máis nin menos que a que os veciños confíen neles de forma maioritaria para poder gobernar sen estar pendentes de pactos”, remarcou hoxe en declaracións aos medios no último Comité de Dirección do PPdeG antes das elección municipais.
Tras cumprirse un ano do Congreso Nacional do Partido Popular no que Alberto Núñez Feijóo foi elixido presidente da formación, Alfonso Rueda asegurou que “o partido está moito mellor do que estaba hai un ano e iso vai ser unha vantaxe para que os traballo que están facendo os nosos candidatos teña unha maior recompensa”.
CASE O 48% DOS CANDIDATOS XA TEÑEN EXPERIENCIA DE GOBERNO
Rueda fixo públicos algúns datos relativos ás candidaturas do PPdeG para os comicios municipais, como que case o 48% xa teñen experiencia de goberno ou que a porcentaxe de renovación das candidaturas ascende ata case o 37%.
No relativo á idade, salientou que a candidata máis nova é Nicole Grueira (Pol), con 22 anos; e o máis veterano é o xa alcalde de Punxín, Manuel Vázquez, de 82 anos.