O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Lugo foi a provincia onde maior apoio recibiu o partido nas eleccións do pasado domingo –un 53,4% do voto– e tamén a que rexistrou a porcentaxe de participación máis alta de todas as provincias galegas –un 69,8%– : “Lugo participou como nunca e votou como sempre”.
Puxo así en valor que os populares galegos acadaron 8 dos 14 deputados que representarán a Lugo no Parlamento de Galicia e agradeceu o seu extraordinario traballo a todos os apoderados, interventores, afiliados, alcaldes e portavoces do PP de Lugo. Grazas á xenerosidade e dedicación de todos eles, asegurou, o partido obtivo o 18-F un resultado acorde ao seu esforzo.
Este apoio é para Alfonso Rueda un reflexo do traballo ben feito, da confianza que el e o resto de integrantes das candidaturas lle demostraron á xente e do proxecto de futuro que ten o PPdeG. E, ante a responsabilidade que isto supón, comprometeuse a traballar desde o primeiro momento para que Galicia siga funcionando e cada vez mellor.
Reiterou así o seu desexo de seguir sendo un presidente honesto que só prometerá o que poida cumprir, que traballará día a día para que Galicia se supere a si mesma e que gobernará para todos sen distincións. Un reto no que, engadiu, os seus únicos obxectivos serán facerlle a vida un pouco mellor cada día aos galegos e defender a súa dignidade desde a responsabilidade e o sentidiño.