O presidente sinala que só os populares garanten que o programa que presentan será o que se execute
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que o seu partido ten que “gañar convencendo” para conseguir acadar “maiorías sólidas e estables” nas próximas eleccións municipais, garantindo aos veciños que “o programa co que nos presentamos é o que se vai executar”.
Deste modo se expresaba antes da xuntanza do Comité de Dirección celebrada esta tarde e na que, xunto á reunión da Xunta Directiva que presidiu posteriormente, os populares reflexionaron sobre os vindeiros comicios municipais.
En declaracións aos medios de comunicación, Rueda indicou que “a única certeza cando falamos de pactos é que os socialistas e os nacionalistas pactarán sempre que teñan a mínima ocasión”. Ante isto, destacou que a única opción en Galicia que vai garantir afastarnos dos “nacionalismos, dos extremismos, dos populismos e dos centralismos mal entendidos” é o PPdeG.
Por este motivo e consciente de que aos populares non lles chega só con gañar, pediu que os candidatos do PP nos diferentes concellos dediquen “o 200% da súa capacidade” para “gañar convencendo” fronte aos partidos que pretenden “gañar perdendo”.
O líder dos populares galegos sinalou que a súa formación ten agora que acabar de conformar “os equipos máis competentes, os proxectos máis sólidos en cada un dos 313 concellos e unha visión unida que ten que facer que Galicia avance coas particularidades de cada municipio, pero tamén sen divisións artificiais entre os galegos”.
O PPdeG, UN EXEMPLO DE UNIDADE
Por outra banda, Alfonso Rueda fixo un balance do seu primeiro mes como presidente, poñendo en valor que os populares volveron demostrar que son “un exemplo de unidade” capaz de superar probas tan complicadas como é unha sucesión en tan pouco tempo. De feito, admitiu que isto é algo que decepcionou ao resto de forzas políticas, que agardaban liortas internas no PPdeG como o que elas mesmas protagonizan.
Segundo recoñeceu, quedou claro que a estabilidade e a sensatez que imperan na Comunidade non estaban condicionadas a persoas concretas, senón “a un partido forte e unido para unha Galicia unida”.
UNHA VITORIA HISTÓRICA EN ANDALUCÍA
O presidente tamén se referiu á “histórica” vitoria electoral de Juanma Moreno en Andalucía, celebrando que o dirixente andaluz fose capaz de derrubar as inercias que durante catro décadas foi construíndo o PSOE nesta Comunidade en apenas tres anos e medio.
Como apuntou, Moreno demostrou en pouco tempo que se podían facer as cousas “moito mellor” e o que antes parecía “política-ficción” fíxose realidade a base de traballo, triunfando a boa xestión, a cercanía coa xente e “a política con sentidiño”.
Así mesmo, salientou que o resultado en Andalucía, sumado ao de Galicia, ao de Madrid e ao de Castela e León, é unha mensaxe “clarísima” dos españois a Pedro Sánchez, ao que lle transmiten “que non podemos nin queremos seguir así”.