4 de novembro de 2022. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, puxo en valor os Orzamentos da Xunta 2023, xa que “blindarán a Galicia da incerteza con máis investimentos, máis gasto social, menos débeda e menos impostos” e responden a que “a xente demanda que as súas prioridades de cada día sexan atendidas con feitos”. Fíxoo onte na Xunta Directiva Provincial da Coruña. Referíndose especificamente á repercusión destas Contas na provincia, indicou que “os Orzamentos son clave para lograr esa Coruña robusta que necesitan os seus veciños e que necesita o conxunto de Galicia”
Citou como exemplos dos proxectos previstos nas cidades a mellora do Complexo Hospitalario e da Vía da Costa Norte en Ferrol, a ampliación do CHUS, a nova Cidade de San Caetano e a conexión de Santiago co Milladoiro a través dunha gran senda. “As grandes obras que se están a facer na cidade da Coruña seguen a levar o noso selo”, afirmou Rueda ao citar o avance no novo CHUAC, na intermodal, no Ofimático e en novas vivendas públicas.
O presidente dos populares galegos quere que “canda a Xunta, os concellos tamén sexan referentes dese modelo útil para os cidadáns e para iso escolléronse os mellores candidatos” e neste sentido engadiu: “Contamos coa frescura e a preparación de Borja Verea en Santiago, coa experiencia e o prestixio de José Manuel Rey en Ferrol e coa cercanía, a capacidade e vocación de servizo de Miguel Lorenzo. Eles e todos os candidatos vannos axudar a tinguir de azul o mapa da provincia en 2023”.
Referíndose de xeito específico ao candidato á alcaldía da Coruña, Rueda puxo en valor a conxunción de valores que conflúen en Miguel Lorenzo: “Ten a formación e o espírito dialogante da avogacía, a empatía que dá traballar cos máis vulnerables, a traxectoria de 12 anos como concelleiro e o inconformismo propio de alguén que leva Coruña moi dentro”. Concluíndo que o mellor de Miguel Lorenzo é que sabe o que quere facer na Coruña o día de mañá: sacala do estancamento actual e devolverlle o seu papel de capital de vangarda e modernidade”.
DIEGO CALVO: “A XUNTA CUMPRE COA PROVINCIA”
O presidente provincial do Partido Popular da Coruña, Diego Calvo, subliñou que as principais obras postas en marcha pola Xunta van supor un investimento de máis de 600 millóns de euros na cidade herculina nos próximos anos, superando a suma de investimentos de Concello, Deputación e Goberno central xuntos. Destacando o importante esforzo inversor que o Goberno autonómico realizará no 2023 nos concellos da comarca para mellorar a calidade de vida dos seus veciños. Concretamente, a Vía Ártabra (13,15 M€) o solo empresarial de Morás (5,2 M€), ou o centro de saúde de Abegondo (2,1 M€) son as actuacións que absorberán as partidas máis significativas
Ademais, Calvo agradeceu que a Xunta leve actuacións de mellora dos saneamentos nos concellos de Irixoa, Coirós, Arteixo (polígono de Morás), Betanzos ou Curtis e, especialmente, no municipio de Sada; que contará con 3,52 M€ euros para este eido e para prevención de riscos de inundacións.
O popular recordou que a súa formación presentou un documento, consensuado cos alcaldes e portavoces, no que se recollen un total de 47 emendas aos Orzamentos Xerais do Estado por máis de 304 millóns de euros.
Por último, asegurou que o partido segue traballando na renovación e a confección dos equipos co obxectivo de afrontar con garantías unhas eleccións municipais nas que aspiran a recuperar o goberno das tres grandes cidades e da Deputación