O presidente do PPdeG asegura na XV Romaría do Monte Castrove que “un partido que se reúne para estar unido un día como hoxe é un partido que vai seguir unido todo o tempo que queda ata o día das eleccións”
O Presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, adiantou hoxe que á formación lle queda “un ano para grandes alegrías” e que ata entón “hai moito que traballar”, polo que transmitiu “ánimo” a todos os membros do PPdeG de cara ás eleccións municipais. “Imos seguir escollendo ás mellores e aos mellores”, incidiu.
“Un partido que se reúne para estar unido un día como hoxe é un partido que vai seguir unido todo o tempo que queda ata o día das eleccións”, salientou Rueda, durante a súa participación na XV Romaría Popular do Monte Castrove, en Poio, que non se celebraba desde 2019 e contou cuns 600 asistentes.
“Se non gañamos, non imos gobernar, algo que parece moi normal, pero que só nos pasa a nós”, sinalou o Presidente do PPdeG, e alentou aos seus para que “iso non volva pasar” e “facer todo o posible para poder gañar as eleccións en todas partes”, en liña cos 313 obxectivos que se marca a formación.
Así mesmo, incidiu en que a receita é “seguir ofrecendo o que o partido ofrece sempre”: “Unión; estabilidade, agora que é tan difícil; xestión, para “solucionar os problemas da xente; e non perder o tempo en cortinas de fume”.
APOIO A ÁNGEL MOLDES
Rueda estivo acompañado no Monte Castrove da Vicepresidenta do Congreso e Secretaria de Sanidade do PP nacional, Ana Pastor; o secretario xeral provincial, Luis López; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a deputada autonómica, Lupe Murillo; e o portavoz do PPdeG en Poio, Ángel Moldes.
En clave local, subliñou que “ten que haber xente que estea disposta a facelo todo”. “Non me queda ningunha dúbida que dentro dun ano vai haber un alcalde do PP en Poio e se chamará Ángel Moldes”, afirmou, e recomendoulle “seguir falando con todo o mundo, aprendendo de todo o mundo e escoitando mesmo a quen non quere escoitar”.
Por último, o Presidente do PPdeG tamén tivo unha mensaxe para os traballadores de Ence: “Imos dicirlle moi forte e moi alto a eses demagogos que xogan cos postos de traballo de Ence que desde o Goberno da Xunta e o PPdeG apoiamos ás empresas que crean postos de traballo”.
“Toda a forza aos traballadores, á xente que loita por conseguir un posto de traballo e mantelo, aos que día a día intentan facer as cousas mellor”, concluíu.