O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, subliñou hoxe o compromiso do Goberno galego por mellorar a vida dos veciños de Vigo a través dos Orzamentos que se aprobaron onte e que, na súa opinión, son a plasmación con feitos da súa aposta polas infraestruturas, a vivenda, a sanidade e a cultura na cidade.
Mencionou neste sentido o compromiso da Xunta coa alta velocidade a Portugal, co Porto de Vigo, coa proxección de 9.000 vivendas públicas na cidade, co hospital e o futuro CIS Olimpia Valencia e coa recuperación do emblemático Cine Fraga.
Ante máis de 350 afiliados e simpatizantes do PP de Vigo, Rueda fixo un chamamento aos seus para que continúen facendo valer esta realidade como ata o de agora. Unha tarefa na que, segundo o presidente, os populares vigueses puxeron a disposición dos veciños o seu traballo e esforzo.
Agora, engadiu, vén o tempo consolidar todo o ben feito e tomar un novo impulso cun Congreso local do que o partido sairá reforzado e máis unido que nunca. Nesta liña, o presidente amosouse convencido de que se saberá sacar proveito de todo o extraordinario capital humano dun equipo que definiu como traballador, rigoroso, leal e cumpridor.
Alfonso Rueda concluíu reivindicando ao PP como un partido unido, cohesionado e comprometido e que se marca como obxectivo para o Ano Novo seguir sendo fiel a si mesmo e continuar facendo as cousas ben como ao longo deste 2024.
LUIS LÓPEZ: “O PP DE VIGO ESTÁ NUNHA CLARA LIÑA ASCENDENTE”
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, aproveitou este multitudinario encontro para felicitar o Nadal a toda a familia popular da cidade e trasladarlles os seus parabéns polo «magnífico traballo e o gran momento» que está a vivir o partido en Vigo tras «aumentar fortemente os apoios» acadados nas catro citas electorais celebradas no último ano e medio.
Nesta liña, engadiu que o partido segue medrando e se atopa «nunha clara liña ascendente» na cidade grazas á súa política de cercanía chea de doses de realidade e á extensión da súa base social entre todos os estratos e barrios de Vigo.
Finalmente, destacou o enorme labor da xestora presidida por Ana Ortiz durante todos estes meses e agradeceu o esforzo de todos os militantes e simpatizantes nos últimos tempos por contribuír «cunha gran achega á recuperación do goberno da Deputación o pasado ano e á maioría absoluta obtida por Alfonso Rueda nas eleccións autonómicas do pasado mes de febreiro».
ANA ORTIZ: “TEMOS UN PARTIDO UNIDO, FORTE E PREPARADO”
Pola súa banda, a líder local do partido quixo trasladar o seu orgullo polo intenso traballo realizado durante estes meses no PP de Vigo, agradecendo que hoxe “o partido estea unido, forte e preparado para o que se nos poña por diante”.
«Neste partido non sobra ninguén e fai falta que máis xente se incorpore a un proxecto que é imparable ante o declive doutros», asegurou Ana Ortiz facendo un chamamento a “pensar no que estamos a construír e non perder o tempo nos espectáculos doutros”. Xa que, tal e como concluíu, “o tempo corre para todos e para o PP de Vigo o futuro está encarrilado».