Destaca que se reforzan as contas do vindeiro ano para a Consellería de Emprego e Igualdade cun incremento do 32% con respecto ás de 2020
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o mantemento e a creación de emprego están entre os principais eixos dos Orzamentos da Xunta para 2021. “Recuperar o antes posible os postos de traballo que está a destruír esta crise sanitaria é unha prioridade para o Goberno galego e mostra disto é que as contas da Consellería de Emprego e Igualdade, cun total de 355 millóns de euros, refórzanse cun incremento do 32% con respecto aos de 2020”, explicou.
O número dous dos populares galegos valorou os datos de paro de novembro coñecidos esta mañá e que indican que a nosa Autonomía conta con 4.157 parados menos que nos primeiros momentos da pandemia. Como recoñeceu, malia os efectos que a COVID-19 está tendo no mercado de traballo, con respecto a abril do 2020 -cando se rexistrou a cifra máis alta de desemprego, marcando o impacto inicial da crise sanitaria- hai un descenso do 2,17%.
“Non temos nada que celebrar mentres haxa galegos que o estean a pasar mal, pero é un aliciente saber que as medidas tomadas en Galicia nesta materia están funcionando”, manifestou indicando que, ademais, na evolución anual, a Comunidade continúa en niveis de paro inferiores a hai 11 anos.
Así mesmo, Galicia é a terceira comunidade con menor subida de paro e o incremento é máis de sete puntos inferior á media de subida do Estado; e seguimos con máis dun millón de afiliacións á Seguridade Social, a un nivel superior ao reflectido hai 10 anos.
DÚAS FORMAS DE XESTIONAR
O secretario xeral insistiu en que estes datos reforzan a súa convicción de que a Xunta está “a facer as cousas ben”, en contraposición ao Goberno socialista. Segundo recordou, o Executivo de Pedro Sánchez “presentou uns presupostos extremistas, pensados para satisfacer aos seus socios extremistas” que, na súa opinión, non atenden ás necesidades reais dos profesionais e empresas nin conteñen partidas para combater eficazmente o desemprego xerado pola pandemia.
APOIO Á HOSTALERÍA
Tellado tamén resaltou o labor da Xunta nestes meses, sempre ao carón dos sectores máis afectados, como é o caso do hostaleiro. Neste senso, salientou que a nosa é a Comunidade que máis está a apoiar á hostalería.
“Contamos con liñas de axudas xa abertas para o sector e para os autónomos por case 100 millóns de euros pero, o que agardamos e estas sexan complementadas con apoios doutras administracións”, dixo mentres subliñaba a importancia de contar tamén coa implicación do Goberno central, das deputacións e dos concellos, algo que xa levan moito tempo pedindo os populares.