5, novembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, lamentou que a falta dunha axenda industrial do Goberno central estea afectando ao mercado laboral galego. Así se expresou na valoración do paro de outubro, que aumentou no último mes un 4,66% en Galicia, unha suba superior á dos últimos anos.
Segundo indicou, a ausencia dunha axenda en materia de industria sumado á falta de orzamentos xerais do Estado provocou distorsións en sectores como a construción, ao paralizarse o investimento público en novos proxectos; ademais obsérvase un aumento no número de novos parados en liña cos últimos datos da EPA, que reflicten un aumento da poboación activa en Galicia.
«Agora xa sabemos por que Sánchez quería facer o debate antes de coñecerse os datos do paro», apuntou o número dous dos populares galegos, que admitía que, onte, o candidato socialista demostrou non ter nin unha soa receita acertada para a economía e o emprego. «Para que os españois teñan un emprego Sánchez debe perder o seu», engadiu.
Xa na evolución anual, Tellado precisou que o paro continua caendo, seis anos de xeito consecutivo no mes de outubro. Deste modo, Galicia conta con 5.437 parados menos -o que supón un descenso do 3,20%-, situándonos en niveis de paro moi inferiores aos de hai 11 anos, no inicio da crise.
Ademais, a Comunidade é a sexta na que máis baixa o paro, mellorando o comportamento do Estado en case un punto máis; e seguimos creando emprego con máis dun millón de afiliacións á seguridade social. “Os datos de outubro amosan que seguimos mantendo una evolución positiva a nivel anual, sen embargo, as cifras mensuais evidencian as consecuencias de que o Executivo do PSOE puxera en apuros a unha provincia enteira como a de Lugo -sen dar solución aos problemas de Alcoa-, e a toda unha comarca como a da Pontes -sen evitar o peche da central-”, explicou.
Por todo isto e logo de remarcar que no debate de onte “vimos a un Sánchez sobrepasado e sen solución aos problemas reais que lle preocupan aos cidadáns», subliñou que “o domingo temos a oportunidade de elixir un Goberno centrado no emprego e na mellora da economía».
GALICIA COMPROMETIDA COA FORMACIÓN
Ao contrario do que acontece co Goberno central, o secretario xeral puxo en valor o compromiso da Xunta para facilitar o acceso ao mercado laboral e abrir novas oportunidades de emprego. Nese senso, salientou a importancia da formación, pois é a clave tamén para contar con traballadores cualificados cos coñecementos adecuados ás necesidades das empresas.
Tellado destacou que o Goberno galego aposta e apostará en 2020 por contar cunha Galicia máis preparada cun investimento de máis de 260 millóns de euros para este fin con instrumentos como o Plan Galego de Formación, facendo fincapé nos sectores estratéxicos da nosa economía, como a automoción. Cómpre sinalar que neste sector lévase investido 8,6 millóns de euros en 329 cursos para formar a máis de 4.000 persoas desde 2017 e, deste xeito, apoiar o polo da automoción de Vigo.
Ao respecto, lembrou que o paro diminuíu no sector da fabricación de vehículos a motor en 165 persoas neste mes, o triplo que en outubro de 2018 e a previsión e que siga así, xa que os novos modelos garanten carga de traballo tanto para PSA como para a industria auxiliar durante a próxima década.