Santiago, 3 de novembro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou os datos do desemprego do mes pasado destacando que “a Xunta prevía que a media do paro deste ano sería dun 17,4% e imos camiño de cumprilo”. Deste modo, puxo en valor que a nosa comunidade se sitúe a niveis de paro inferiores aos de outubro de 2009, é dicir, hai sete anos.
Igualmente, o número dous dos populares galegos resaltou que Galicia pechase o pasado mes con 23.152 desempregados menos que no 2015. Isto supón un descenso interanual do 10,42%, o maior producido en termos porcentuais en outubro en comparación co ano anterior en toda a serie histórica, e que van xa tres anos de baixadas consecutivas.
Tellado tamén salientou que as afiliacións seguen aumentando na nosa comunidade con respecto a hai un ano nun 2,14%, o maior incremento producido nun mes de outubro desde 2007.
Ademais, o desemprego en outubro volve a diminuír nas principais variables se o comparamos con hai un ano, presentando un comportamento mellor que a media do Estado, baixando nas catro provincias, nas sete grandes cidades, en todos os sectores, descendendo tanto en homes como en mulleres e en todos os tramos de idade – destacando a baixada nos menores de 30 anos-.
Malia que en comparación co mes pasado, o paro sube nun 2,37%, Tellado lembrou que o incremento do desemprego de outubro é habitual, precisando que ese aumento é o menor acontecido en toda a serie histórica.
“Para o PPdeG non é unha boa nova que haxa un incremento con respecto a setembro pero, lonxe de desanimarnos, seguiremos traballando para que as subas sexan unha excepción”, apuntou ao tempo que engadía que “aínda que este mes sube o paro e temos que ser prudentes, a evolución indica que Galicia continúa coa tendencia positiva que amosou nos últimos tempos”.
Tellado asegurou tamén que os populares esforzaranse por conseguir que as cifras continúen reducíndose e que, deste xeito, a recuperación económica chegue a todos os galegos.
“Aínda que queda moito traballo por facer seguimos contando con menos parados que ao inicio da primeira lexislatura en abril de 2009 cando había 210.662 desempregados”, sentenciou o secretario xeral do PPdeG.