Santiago, 4 de maio 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou este xoves os datos do desemprego relativos ao mes pasado, que achegan unha caída na cifra de desempregados de 23.524 persoas con respecto ao mesmo mes do ano anterior, o que supón un descenso interanual do 10,31%, sendo a maior baixada en abril de toda a serie histórica, desde 1996; e situando á Comunidade en niveis de paro inferiores a hai oito anos. Así, desexou que “este sexa un bo punto de partida para que a economía galega no seu conxunto teña un gran ano”.
Tellado subliñou que este é o cuarto abril consecutivo no que cae a cifra de desempregados, e que Galicia leva tres anos e medio creando emprego de xeito ininterrompido. “A tendencia positiva está máis ca consolidada, pero os gobernos estatal e autonómico traballan cada día para mantela ao longo do tempo”, apuntou.
O número dous dos populares galegos celebrou que o desemprego caia nas catro provincias e que as afiliacións sigan medrando, nun 2,24% con respecto a hai un ano, o que supón o maior incremento nun mes de abril desde 2007; e na evolución mensual, case o dobre ca no mesmo período en 2016.
Para Tellado, os datos “corroboran o diagnóstico económico” que fixo o Executivo galego durante os últimos anos, e valora de xeito positivo que se cree máis emprego “en sectores estratéxicos da nosa economía e especialmente castigados pola crise” como son a construción, a industria ou a agricultura e a pesca. Do mesmo xeito, lembra que a Xunta está centrando boa parte do seu esforzo en certos colectivos que volven a amosar sinais de recuperación como son os menores de 30 anos (-15,78%) ou os parados de longa duración (-11,02%).
Con todo, o secretario xeral segue colocando como desafío principal para os próximos meses que a calidade do emprego siga mellorando, pero tamén quixo ponderar que medrasen as contratacións a tempo completo nun 11,83%, catro puntos e medio máis que a contratación a tempo parcial; e a indefinida aumente nun 5,35%.
Neste sentido, cre que a Xunta “continúa traballando para manter esta tendencia e consolidar a recuperación económica na nosa Comunidade”, xa que a través da Axenda 20 está a impulsar medidas para a formación e a contratación de 10.000 menores de 30 anos, fortalecer o emprego autónomo, e incentivar o emprego entre os parados de longa duración.
“RELATO CATASTRÓFICO” DA OPOSICIÓN
O secretario xeral pregúntase “que vai inventar agora a oposición para manter o relato catastrófico sobre a economía no que leva instalada os últimos anos e que xa ninguén cre”, dado que todos os indicadores de emprego amosan a súa melloría. Ademais, onte coñecíase o informe da organización independente Funcas que estima que Galicia será a cuarta Comunidade que máis crecerá no conxunto do Estado no ano 2017 cun 2,9%.
“As políticas do Partido Popular de Galicia están dando uns froitos innegables para a nosa economía. Que a oposición queira reverter cada unha das medidas que nos levou a saír da crise demostra o pouco que lle importa o benestar dos galegos”, conclúe Tellado.