Indica que o partido non se conforma con todos os fitos acadados nesta materia e que seguirá traballando de forma transversal “con feitos e non con pancartas”
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o seu partido impregnará de igualdade todas as súas decisións e ámbitos de acción, pois esta é unha cuestión transversal que abrangue a todos os campos e sectores: “O noso é un traballo con feitos”.
Así se expresaba trala constitución da Comisión de Igualdade da formación, que está presidida pola vicesecretaria Raquel Touriño e que actuará como laboratorio de ideas: “Debe ter iniciativas para chegar a todos os niveis institucionais, porque somos un partido con presenza nos concellos, nas Deputacións, na Xunta, e tamén nas Cortes Xerais; ser esixente e non ter medo a dicirnos que nos equivocamos ou que hai cousas que debemos facer mellor; e estar a pé de rúa e en contacto coa xente, porque canto máis escoitemos, mellor seremos capaces de propoñer”.
UNHA TAREFA DE TODA A SOCIEDADE QUE NON TEN SIGLAS
“Temos claro que a defensa dos dereitos das mulleres é unha tarefa que ocupa a toda a nosa sociedade”, dixo o secretario xeral. “Non cremos nunha igualdade que enfronta a mulleres e homes senón que a entendemos como unha meta pola que debemos traballar de forma conxunta. Só desta forma acadaremos os nosos obxectivos”, aseverou.
Do mesmo xeito, afirmou que non se pode usar este asunto para confrontar ou para rivalizar entre partidos porque “a igualdade non ten siglas”. “A nosa forma de facer política baséase en debater e propoñer conxuntamente porque o que debemos é reivindicar xuntos o que nos falta por lograr”, engadiu.
Por este motivo, indicou que o PPdeG permanece afastado das extravagancias, do populismo, da demagoxia e dos que empregan un tema tan serio como arma partidista “porque a única maneira na que hai que utilizar as armas é para loitar contra a desigualdade”.
COMPROMETIDOS COA IGUALDADE
Na súa intervención, Tellado salientou o sólido compromiso dos populares coa igualdade, que se foi incrementando co paso dos anos. De feito, desde que hai 30 anos un Goberno do Partido Popular aprobou o Primeiro Plan de Igualdade de Galicia, lideraron esta loita desde as institucións: “Desde hai tres décadas e cada día con maior intensidade, a igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia e a discriminación por razón de xénero constitúen eixos vertebradores e transversais da nosa forma de entender a política”.
Como mostra, referiuse aos expansivos Orzamentos da Xunta para 2022, que medran na área de Igualdade un 14% ata chegar aos 31,4 millóns de euros – máis de 13 millóns destinaranse á sensibilización e promoción da igualdade en todas as esferas da vida e 18 millóns dirixiranse á loita contra a violencia de xénero e o tratamento integral das vítimas-. Así mesmo, e conscientes da importancia do emprego para abrir as portas á liberdade das mulleres e á súa independencia, puxo en valor a posta en marcha do plan Emprega Muller, dotado con 33,4 millóns de euros.
Segundo sinalou, estes son algúns exemplos que evidencian que os populares sempre defenden impulsar a igualdade “con medias obxectivas e non só con pancartas”. Sen embargo, subliñou que non se conforman con todos os fitos acadados ata o de agora e que, como partido, seguirán traballando para achegarnos cada vez máis a igualdade real e efectiva.
Precisamente con esa intención, avanzou que a Comisión de Igualdade do PPdeG centrarase en cuestións clave como o fomento da conciliación dentro das nosas entidades, a promoción de vocabulario non sexista, a formación en materia de recursos existentes, a promoción de mocións e proxectos sobre Igualdade, ou medidas contra a Violencia de Xénero.