12, xullo, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, volveu lamentar este venres a abstención dos socialistas galegos nunha iniciativa debatida no Parlamento Galego para demandar que o Goberno central transfira de inmediato os 700 millóns de euros que lle adebeda á Xunta de Galicia. Así, sinalou que “esta é unha nova demostración de que cando hai que escoller entre Galicia e Pedro Sánchez, o PSdeG sempre elixe a Sánchez”.
Deste modo, lembrou que a nosa Comunidade leva meses advertindo de que a non actualización das entregas a conta está provocando xa tensións de tesourería no Goberno autonómico, que é a administración que presta os servizos públicos máis importantes para o cidadán: a sanidade, a educación e os servizos sociais.
“Non podemos consentir que Pedro Sánchez xogue cos nosos servizos públicos básicos polos seus caprichos”, sinalou, para insistir en que pode habilitar esas transferencias por medio dun Decreto Lei, como fixo cos seus autodeterminados venres sociais, que empregou como unha ferramenta de propaganda electoral.
No mesmo sentido, tamén criticou que os socialistas galegos amagasen esta semana con pedirlle aos populares de Galicia que apoiasen a investidura de Sánchez para acometer estas entregas. “É inaudito que un grupo político queira chantaxear a outro ameazando con non darnos aos galegos o que é noso. Isto é un insulto a toda a cidadanía da nosa Comunidade, que non pode ser refén da incapacidade socialista para formar Goberno”, recalcou.
UNHA SITUACIÓN SEN PRECEDENTES
O número dous dos populares galegos lembrou que estamos ante un problema sen precedentes, porque 530 millóns destes 700 están incluídos nos Orzamentos de 2019. “É dicir, que Pedro Sánchez e os socialistas estanlle a causar á Administración galega un burato de 530 millóns de euros”, dixo.
Do mesmo xeito, quixo recordar que o Ministerio de Facenda comprometeuse publicamente en varias ocasións a solucionar un problema que lle compete en exclusiva, porque non hai outra alternativa para que Galicia reciba os ingresos das entregas a conta comunicados polo Ministerio en 2018.
Ademais, o Ministerio tamén está pendente de ingresarlle a Galicia este ano 180 millóns correspondentes ao incentivo de 2017 e 2018 para as Comunidades Autónomas cumpridoras dos obxectivos de estabilidade. “Por tanto, estamos sufrindo unha discriminación máis por ter un Goberno responsable e non gastar o que non é noso”, apuntou. Incidindo neste argumento, advertiu aos socialistas de que “se a súa intención é poder dicir que Galicia vai ter que acometer algún recorte de gasto, non o van conseguir”.