Santiago, 12 de abril 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, celebrou que as obras do AVE transcorran a pleno rendemento en Galicia logo de case un ano de bloqueo do Estado propiciado pola esquerda.
Así, Tellado valorou positivamente a visita do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, aos tramos de entrada do AVE na nosa comunidade, asegurando que isto supón varias cuestións fundamentais: que o ministro cumpre o seu compromiso de comprobar in situ como evoluciona unha infraestrutura de tal trascendencia para a nosa terra; que o tramo que segue parado tamén está próximo a activarse; e que o compromiso nas datas se mantén e o desprazamento previsto non se incrementou logo dos retrasos.
Tras insistir en que Galicia tamén seguirá pendente da execución destas obras, recordou que se viviron varios episodios curiosos coas críticas aos Presupostos Xerais do Estado nas últimas semanas. “Sorprende ver como cando se anunciaron as inversións en infraestruturas en Cataluña de 4.000 millóns en catro anos, ou sexa: 1.000 millóns ao ano, algúns criticasen que era moitísimo”, apuntou incidindo en que eses mesmos, unha semana máis tarde, dixesen que 925 para Galicia nun só ano era moi pouco.
AS INCOHERENCIAS DA OPOSICIÓN
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, Tellado admitiu que o que máis sorprende é que o PSOE e o BNG sexan quen de criticar despois de que fosen os oito anos de goberno de Zapatero os que, co aplauso constante dos nacionalistas, nos colocaron na situación que estamos na actualidade.
Deste modo, lembrou que en 2008, a agora oposición multipartita celebraba que Galicia captase un 8% da inversión total do Estado e pedían que se blindase esa cifra en todos os Presupostos de anos seguintes. Sen embargo, “un 11% do total e ser a segunda comunidade en investimento per cápita parécelles un recortazo; e se daquela se lles fixese caso en fixar o 8%, hoxe Galicia tería 300 millóns menos”, subliñou o secretario xeral.
Do mesmo xeito, indicou que durante anos, o BNG vendía que o seu poder negociador facía que se consignasen partidas para construír o Tren ao Porto Exterior de Ferrol pero de aqueles orzamentos non se executou nin un euro. Así mesmo, recordou que o entón vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presumía de que «o nacionalismo galego serve para darlle estabilidade á política do Estado», algo que, segundo Tellado, “habería que preguntarlle á líder actual do BNG que opina daquelas declaracións, porque ela xa era deputada”.
“Sabemos que o PSOE e o BNG non se senten especialmente orgullosos das súas experiencias conxuntas de Goberno, nin na Xunta nin en Madrid, e teñen motivos”, afirmou o número dous dos populares galegos antes de pedirlles que fixesen un exercicio de memoria e aprender do que eles mesmos fixeron para saber o nulo resultado que lle trouxo ao país e a ambos como partido, tanto en Galicia como en Madrid.