Santiago, 21 de agosto de 2017.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, sinalou este luns que a actividade económica e o emprego seguirá a ser no vindeiro período de sesións unha das preocupacións fundamentais da súa formación, e vaticinou que a Lei de implantación empresarial será “un dos textos máis relevantes de toda a lexislatura”.
O pasado mes de xullo, o Grupo Popular presentou unha proposición de Lei que contribuirá a “simplificar, flexibilizar e liberalizar” sectores da economía galega, con vistas a consolidar a recuperación económica. Ademais, recalcou que “queremos poñer os medios legais e normativos que nos permitan atraer a instalación de novas empresas en Galicia e blindar a competitividade da Comunidade fronte a outros territorios próximos”.
Tellado quixo destacar a ambición deste novo texto, que terá unha ampla incidencia en todo o proceso de creación e instalación de novas iniciativas empresariais. Neste sentido, destacou aspectos como a simplificación administrativa de procesos como as autorizacións ambientais; as facilidades para acondicionar os polígonos industriais segundo as necesidades de cada momento; ou as axudas directas ao investimento.
O viceportavoz explicou que o Grupo Popular tamén ten previsto unha serie de medidas en materia de emprego para os vindeiros meses, enfocadas tanto a que os parados atopen un posto de traballo, como a que os que xa contan cun emprego melloren as súas condicións laborais. Sobre este punto, destacou que se apostará por impulsar a negociación colectiva en sectores cuxos convenios se atopen desactualizados; e tamén se poñerá en marcha un Cheque Formación para que os desempregados poidan escoller de forma autónoma os cursos que consideren que mellor poden reforzar o seu perfil profesional.Ante a importancia clave desta batería de medidas, Tellado tendeulle a man a todos os grupos da oposición para que fagan achegas que contribúan á mellora das mesmas. “Teñen a oportunidade de demostrar que de verdade lles preocupa que Galicia mellore, e non só practican o ‘non polo non’”, concluíu.