Santiago, 21 de abril 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu unha rolda de prensa este venres nas horas previas ao Congreso local da cidade da Coruña, e na que destacou que agarda desta cita que “saia un partido local máis unido, máis activo e, por tanto, máis forte, de cara ao duro traballo que hai por diante nos dous vindeiros anos”. Sobre isto, incidiu en que hoxe comeza a “formación dun proxecto que debe ilusionar á Coruña” e co obxectivo de desbancar a Xulio Ferreiro do “desgoberno da cidade”.
No mesmo sentido, e no marco do proceso de intensa renovación local levado a cabo polos populares nos últimos meses, valorou positivamente que nesta semana se pechase a data para a celebración do Congreso na cidade de Lugo, fixado para o próximo 26 de maio.
O PARTIDO APOIARÁ A GAGO EN SEVILLA
Tellado cualificou esta fin de semana de “especial” porque se celebra en Sevilla o Congreso Nacional de Nuevas Generaciones no que sairá elixido presidente o líder da nosa organización xuvenil a nivel autonómico, Diego Gago. Neste sentido, subliñou que estará fondamente arroupado por unha delegación duns cen membros dos populares galegos, e que contará coa asistencia do presidente provincial de Pontevedra, Alfonso Rueda.
Así, o secretario xeral gabou a labor de Gago durante estes anos como concelleiro da oposición en Vigo, así como á fronte de NN.XX. Do mesmo modo, lembrou que durante os vindeiros meses compatibilizará as dúas presidencias, pero que a renovación do Comité Executivo autonómico da nosa organización xuvenil se afrontará o antes posible.
O PPDEG NUNCA INSULTOU A CARMEN SANTOS
O número dous dos populares galegos tamén se quixo referir ao feito de que a secretaria xeral de Podemos Galicia elevase á Presidencia do Parlamento unha petición de amparo na que acusaba ao noso deputado Alberto Pazos de ofendela por referirse a ela como «esta señora».
Tellado cualificou esta manobra de “ridícula” e lembrou que o partido tomou hai semanas a decisión de non tomala como unha interlocutora válida para a vida parlamentaria, xa que se trata dunha persoa “que non é digna para ocupar un escano do Parlamento galego” tras acusar aos membros do PPdeG de ser asasinos de mulleres. Malia isto, insistiu en que a formación non ten ningún inconveniente en “interactuar con calquera dos grupos, incluso coas Mareas, para acadar acordos positivos para Galicia”.
O secretario xeral cre que “o populismo acostumouse rápido a golpear con puño de ferro, con insultos, inxurias e descualificacións” e que tamén “se acostumou a encaixar as simples críticas con mandíbula de cristal”. Sobre este punto, valorou que “cremos que isto non é admisible, porque o PPdeG nunca insultou á señora Santos, nin nunca se referiu a ela do xeito pexorativo que si lle dedicaron publicamente os seus compañeiros de partido”.
Deste xeito, Tellado concluíu que o PPdeG non está disposto a “consentir o que consentiu a pasada lexislatura”, en referencia aos constantes insultos proferidos polos antecesores das Mareas, e lamentou que os demais grupos da oposición se presten a facer “seguidismo dos espectáculos da señora Santos”. “Se entre todos queren convertela en lideresa da oposición, xa que demostraron que Villares non lles vale, que o digan e o fagan”, rematou.