8 de abril de 2018.- O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, sinalou este domingo que a súa formación volve da Convención Nacional celebrada esta fin de semana en Sevilla con ideas renovadas de cara as vindeiras eleccións municipais, que se celebrarán en maio de 2019. “Temos xa pouco máis dun ano por diante, e estes encontros sempre serven para compartir experiencias, facer propostas e incrementar a ilusión de cara aos desafíos que temos no horizonte”, dixo.
Neste mesmo sentido, Tellado tamén quixo valorar a boa acollida do conxunto do partido aos poñentes galegos. “Trouxemos aquí un modelo de xestión autonómica con medidas económicas, educativas ou sociais que son escoitadas e aplaudidas no resto de comunidades autónomas”, subliñou. Sobre isto, lembrou que, ademais do presidente Alberto Núñez Feijóo, nas diferentes mesas participaron galegos como a comisionada para o Reto Demográfico, Edelmira Barreira; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; ou os presidentes nacional e autonómico de Novas Xeracións, Diego Gago e Adrián Pardo.
Incidindo nesta idea, o número dous dos populares galegos asegurou entender a admiración que lle trasladaron representantes de comunidades gobernadas por socialistas ou nacionalistas, “xa que hoxe están perdendo oportunidades de crecemento pola súa falta de estabilidade e as súas políticas ineficientes”. “Sentimos un gran orgullo de que os éxitos electorais do partido en Galicia sirvan como inspiración a outros territorios”, apuntou.
“CASO PAULA QUINTEIRO”
Nas súas declaracións ante os medios, o secretario xeral tamén se referiu ás novidades sobre o “caso Quinteiro”, o episodio de altercados nas rúas de Santiago de Compostela no que se veu envolta unha deputada das Mareas de Podemos. Deste modo, lembrou que hoxe é a data límite que puxo o propio Luis Villares para resolver un conflito no que xa se demostrou que a convivencia entre ambos se fixo insostible, polo que non se poderán presentar á sesión de control ao Goberno desta semana formando parte do mesmo grupo. “Isto quere dicir que este domingo é o último día para que o portavoz lle ensine a porta de saída á súa deputada, ou deberá collela el mesmo”.
Despois de lembrar que Villares tardou unha semana en dar as primeiras explicacións sobre “un incidente grave que afecta á imaxe de todo o Parlamento”, insistiu en que “hoxe saberemos se a súa capacidade para encaixar humillacións públicas dos seus compañeiros ten límite”. Así, concluíu que “pase o que pase, serán un partido máis dividido e máis débil, porque ou Villares deixa de ser o líder da oposición, ou as Mareas de Podemos deixan de ser o grupo maioritario da oposición”.