A Coruña, 12 de maio 2017.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, salientou esta mañá a unidade de mensaxe do PPdeG en calquera punto do país fronte ás desavenencias de En Marea. Así, indicou que “unha das nosas grandes fortalezas é que somos un partido que, respectando as características de cada lugar, podemos facer o mesmo discurso tanto a nivel local, como autonómico e nacional”.
Segundo Tellado, é necesaria unha boa interlocución aos distintos niveis, para “poder coñecer demandas comúns das nosas agrupacións, poder dar solucións comúns aos problemas que xorden no día a día e dar resposta aos cidadáns”.
Acompañado polo vicesecretario de Comunicación do PP, Pablo Casado, tamén asegurou que o partido está “en marcha” coa vista posta nas eleccións municipais de 2019, engadindo que, se os cidadáns lles dan o seu apoio nestes comicios, poderán construír e traballar “pensando nas persoas e non nos partidos, que é o que sucede nas cidades onde gobernan as mareas de Podemos”.
Logo de realizar xuntos unha visita á Fundación Padre Rubinos e participar nunha reunión con todos os portavoces e presidentes locais das cidades de Galicia en A Coruña, Tellado explicou que o PPdeG quere sumar as urbes galegas ao proceso de recuperación económica que se vive en España e tamén “de forma moi clara” na nosa comunidade. “Queremos que nas cidades onde hoxe estamos na oposición poidan sumarse ao proxecto do PP”, dixo.
Pola súa parte, Pablo Casado manifestou que o Partido Popular considera ao PPdeG como unha referencia a nivel nacional que “ten a sorte de ter un gran líder, a Alberto Núñez Feijóo”, e que mesmo “nos gustaría clonalo”.
O vicesecretario tamén sinalou que o Partido Popular quere axudar e contribuír na vitoria das eleccións municipais galegas. “Queremos para as cidades e para os pobos de Galicia o mesmo que se está facendo a nivel autonómico na Xunta”. Segundo Casado, os “gobernos do cambio” acertaron pero para mal, posto que alí onde gobernan hai máis paro, espantan aos inversores, aos turistas e tamén as oportunidades de futuro.
Así mesmo, apuntou que no entorno nacional os populares están comprometido con Galicia e queren que os Presupostos Xerais de 2017 impulsen infraestruturas como o AVE, malia que as Mareas de Podemos non o queira.
Para concluír, remarcou que o proxecto do Partido Popular está fóra de divisións e debates estériles así como moi lonxe de políticas e proxectos caducados como os que defenden e nos que se inspiran as mareas.
FORMACIÓN E AXENDA A PÉ DE RÚA
Durante o resto da xornada, Pablo Casado ten previsto participar nun xantar cos presidentes provinciais do partido, alcaldes e voceiros en Concellos de máis de 20.000 habitantes, ademais de nun paseo pola cidade e outro por Vigo. Segundo explicou o secretario xeral, isto atende á vontade de «ter o partido sempre cun pé na rúa» e de manter o contacto cos cidadáns.
O vicesecretario finalizará a súa visita cun encontro en Santiago cos equipos de redes sociais de toda a Comunidade, aos que lles dará unha charla sobre mensaxes e manexo das diferentes da plataforma. Sobre este punto, o secretario xeral conclúe que «ademais de ser unha acción de formación, este encontro é un recoñecemento á importancia dos moitos afiliados que aportan o seu gran de area desde a rede».