O secretario xeral do PPdeG lamenta que Yolanda Díaz e Nadia Calviño sexan “galegas non practicantes”
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “a galeguidade dun ministro non se demostra ensinando o lugar de nacemento no DNI senón con investimentos no Boletín Oficial do Estado”. Nese senso explicou que, malia que celebra que agora haxa dúas mulleres da nosa Comunidade na Vicepresidencia do Goberno, lamenta que sexan “galegas non practicantes”, referíndose á “presuntamente coruñesa, Nadia Calviño”, e á “pontevedresa de adopción e moi pronto madrileña de adopción, Yolanda Díaz”.
De feito, o número dous dos populares galegos pediu á nova vicepresidenta terceira que, “aínda que sexa unha nómade política que foi cambiando de provincias”, recorde as súas orixes ferrolás e desbloquee a negativa do Executivo central a construír o barco ponte en Navantia e que garanta o investimento necesario para facer realidade o estaleiro 4.0, do que dependen 700 postos de traballo na Ría de Ferrol.
Ademais, esixiu á tamén ministra, en nome de todos os galegos, que finalice a vinganza dos socialistas coa nosa Autonomía, “que rematen os ataques á nosa industria, á nosa costa e que veñan dunha vez por todas os investimentos que Galicia necesita”, agardando que o nomeamento de Díaz sexa positivo para alguén máis que para ela mesma.