Indica que os nacionalistas, en vez de seguir pedindo a independencia de Galicia, “deberían empezar por independizarse eles mesmos do PSOE”
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que estamos ante “o peor BNG da historia de Galicia”, teledirixido dende Madrid e co seu centro de decisión en Ferraz: “Nunca pensamos que a UPG fose a radicar a súa nova sede no madrileño barrio de Argüelles”.
Como resaltou, o Bloque está absolutamente desconectado dos problemas dos galegos, admitindo que, malia que piden a independencia de Galicia, “deberían empezar por independizarse eles mesmos do PSOE”; e explicou que, se antes os principios inspiradores do nacionalismo galego podían consultarse nas bibliotecas, “hoxe os encontramos en Mil Anuncios”. “Unha ideoloxía de segunda man. Estamos ante o BNG de Wallapop”, insistiu.
Do mesmo modo, Tellado tamén falou da deriva radical do BNG, socio prioritario dos delincuentes condenados Otegi e Junqueras, cos que comparte mitins e proxecto político en Europa, Madrid e Galicia; e cuestionou a hipocrisía dos nacionalistas, “que pola mañá esixe máis restricións sanitarias e pola tarde as critica, que pide grandes acordos de país, pero bloquea sistematicamente todas as iniciativas e proxectos de lei no Parlamento”.
Así mesmo, criticou o sectarismo do Bloque, “que lle vale que Sánchez estea na Moncloa mentres eles poidan estas cómodos no seus cargos nas deputacións e concellos e pese a que miles de traballadores galegos están desesperados”. Igualmente, afeou que os nacionalistas non condenen actos violentos cando estes veñen de grupos afíns ideoloxicamente e que toleren a corrupción e calen ante as irregularidades cando estas veñen do seu partido, como no recente caso do alcalde de Pontevedra.
A ABDICACIÓN DE SÁNCHEZ
O número dous do PPdeG tamén lamentou a situación das Comunidades unha vez rematado o Estado de Alarma: “Estamos absolutamente indefensos, sen recursos legais e cunha xestión en mans dos xuíces que se ven obrigados a asumir competencias que non lle corresponden e atentan conta a máis básica separación de poderes”.
“É difícil facelo peor que o Goberno de Sánchez”, dixo recordando que este Executivo empezou desprezando o perigo que supoñía a virus para, despois de coñecelo, ocultalo durante días para manter a súa axenda política -permitiu concentracións coma a do 8-M-. Ademais, apuntou que tamén fixo unha xestión nefasta e escurantista da compra de material sanitario e mentiu durante meses falando dun Comité de Expertos Sanitarios que o asesoraba e que non existía.
De igual xeito, indicou que ningunearon ás Comunidades, tomando unilateralmente todas as decisións mentres esixían cooperación e lealdade institucional para, cando se cansaron de exercer o mando único, inhibir as súas competencias e depositar nas Autonomías toda a responsabilidade de xestión. Tellado tamén lembrou que, no peor momento da pandemia, cambiaron ao seu Ministro de Sanidade e despois ao seu Vicepresidente, “porque eran máis importantes as enquisas que os partes epidemiolóxicos” e que, máis dun ano despois, seguimos esperando a chegada de axudas directas para a hostalaría, o turismo e os sectores máis afectados.
Por se isto fose pouco, o Goberno limitouse a alargar unha e outra vez o Estado de Alarma ante a súa incapacidade para desenvolver unha lexislación sanitaria adecuada, como prometeron. “E agora, como colofón final, delegan todas as decisións en mans dos tribunais, o que nos deixa nun absoluto caos lexislativo”, subliñou explicando que “Sánchez abdica” e encarga ao poder xudicial que faga de poder lexislativo e executivo.
Ante este desastre sen paliativos pola culpa dun Goberno máis preocupado por gañar eleccións que por salvar vidas, puxo en valor a responsabilidade da Xunta, que deu a cara en todo momento e dedicou todos os seus esforzos e recursos a xestionar a pandemia, algo que segue facendo a día de hoxe e “por iso temos a menor taxa de mortalidade de toda a España peninsular”.
“Temos un Goberno do Estado que deu as costas a todos os españois. Un Goberno á fuga, que despois de ser responsable da peor xestión da crise de Europa decidiu abandonar o barco e deixar todo en mans, primeiro das Autonomías, e agora dos xuíces. E temos unha oposición que deu as costas a todos os galegos. Que pasou a pandemia en pixama e agora só está preocupada dos seus xogos de poder: Ana Pontón por sacarse fotos con Otegi e Junqueras e ser a muleta de Pedro Sánchez en Galicia; e Gonzalo Caballero por sobrevivir politicamente, que xa ten bastante”, sentenciou.