20, abril, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, participou este luns nunha videoconferencia co presidente provincial do partido na Coruña, Diego Calvo, e con alcaldes e voceiros das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para analizar o impacto do acordo asinado o pasado venres polas ministras de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera; e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, sobre o peche das centrais térmicas.
O número dous dos populares galegos subliñou que é “inaceptable” que o executivo que lidera Pedro Sánchez aproveite a crise causada polo coronavirus para acelerar o peche da central das Pontes. Neste sentido, apuntou que “non nos podemos permitir o peche de máis empresas e industrias”, máis destrución de emprego nin que Galicia quede sen unha das súas maiores fontes de enerxía.
“O PSOE debería ter moitas outras prioridades antes cá de seguir coa súa estratexia de desindustrialización de Galicia”, incidiu, para lembrar que “hai moito en xogo”, xa que da central dependen o presente e o futuro de 750 familias, así como dunha comarca que ve apagarse o motor que a sustentou durante décadas, e dunha parte da industria da nosa Comunidade.
Por iso, Tellado explicou que o Partido Popular de Galicia vai seguir mantendo a súa postura de que a Central ten que reactivarse mentres se buscan combustibles alternativos, así como que se lle apliquen beneficios fiscais para mellorar a súa competitividade.
UNHA TRAIZÓN QUE DÍAZ NON PODERÁ EXPLICAR
Do mesmo xeito, Tellado insistiu en que As Pontes, as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal non van permitir esta traizón, “unha máis”, do Goberno Sánchez, que aboca a este territorio a unha nova reconversión industrial.
Neste sentido, o popular advertiu da gravidade de que este acordo vaia asinado pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, “que terá moi difícil explicar cando volva a Ferrol por que participou nun documento que tanto dano lle vai causar á comarca”.