14, febreiro, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que en Madrid hai constituído un multipartito de PSOE, Podemos e BNG no que ninguén defende os intereses de Galicia. “Se ese é o modelo que queren traer á Xunta, os galegos xa deben saber o que poden agardar deles”, precisou.
Como recordou, esta semana votáronse no Congreso e no Senado dúas iniciativas para reclamar ao Goberno central que pague ás Comunidades os 2.500 millóns de euros que lle debe polo IVE polo ano 2017, dos que a Galicia lle corresponden máis de 200 millóns. Lamentablemente, a iniciativa presentada polo Grupo Popular non contou co apoio das formacións políticas con representación na Cámara galega: o PSOE votou en contra, cando en Galicia decidiu absterse; e o BNG e Podemos fixeron o mesmo, malia que votaron a favor desta devolución na Comunidade.
“Este cambio de posición respecto da posición fixada polo Parlamento de xeito case unánime e sen votos en contra é absolutamente inadmisible”, afirmou mentres recoñecía que contaban con que o PSdeG e os deputados de Podemos Galicia cambiasen de postura con respecto ao IVE e acabasen votando en contra dos intereses da Comunidade. Sen embargo, subliñou que o cambio de opinión do BNG só se pode entender dentro da súa estratexia de sempre: aparentar ser combativos, pero acabar aplaudindo todo o que fai o PSOE.
NON XOGAR COA INDUSTRIA ELECTROINTENSIVA
Por outra banda, referiuse á desconformidade que comparten coa Xunta as empresas electrointensivas galegas e os seus traballadores polo Estatuto aprobado polo Goberno central, xa que non soluciona os seus problemas. “Galicia non precisa aprobar un Estatuto sen máis, o que precisa son medidas efectivas que solucionen o problema e rebaixen o prezo da electricidade”, engadiu confirmando que os populares están dispostos á saír á rúa para defender aos traballadores da nosa industria electrointensiva.
Segundo recoñeceu, as medidas que inclúe non logran rebaixar o prezo eléctrico ata os 35-40 euros por Megavatio/hora e, polo tanto, non permiten á nosa industria competir en igualdade de condicións co resto de Europa. “Non entendemos por que o Goberno de Sánchez decide obviar todas as propostas presentadas desde Galicia”, dixo facendo referencia á incorporación da categoría dos consumidores hiperelectrointensivos, aos descontos nas peaxes de transporte, á compensación do imposto de xeración e á supresión do céntimo verde ao carbón.
Ademais, sinalou que o Executivo central tamén decidiu incrementar o número de posibles empresas beneficiarias de 119 a 600, un aumento que favorece sobre todo a Cataluña e o País Vasco e prexudica á industria que consume máis electricidade, como é o caso de Galicia.
“O Goberno non pode seguir xogando coa industria electrointensiva galega, co presente e o futuro 5.000 familias que dependen dela, e non pode empregar tamén a industria para contentar aos seus socios”, manifestou engadindo que Sánchez debe tomar algunha decisión que busque solucionar os problemas de Galicia e que non só estea pensada para seguir sobrevivindo politicamente.
UN PARTIDO ACTIVADO, MOBILIZADO E ILUSIONADO
Por último, Tellado falou do acto que os populares desenvolverán este sábado en Vigo no que celebrarán a proclamación oficial de Alberto Núñez Feijóo como candidato do PP á Xunta de Galicia.
Como apuntou, será un evento masivo que contará con cerca dun milleiro de persoas e que dará testemuño de que o partido está máis activado, mobilizado e ilusionado que nunca para conseguir a cuarta maioría absoluta coa que seguirlle dando a Galicia a estabilidade e o crecemento que merece e que necesita.