8, novembro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, esixiu ao Goberno central que materialice as propostas da Xunta para evitar o peche de Alcoa e que hoxe se transmitirán na xuntanza que se celebra en Madrid para abordar o futuro das factorías da Coruña e Avilés.
Como manifestou, as demandas de Galicia son moi claras: unha solución para a continuidade das plantas, que pasa por un plan industrial que as faga viables; e un marco eléctrico que lles dea estabilidade os cinco próximos anos, para o que é preciso clarificar o sistema de interrompibilidade e que o Goberno de Pedro Sánchez execute as axudas de 150 millóns de euros que deixou orzamentadas o de Rajoy este mesmo ano. Nese senso, recordou que o PPdeG pide a este Goberno un remedio ao problema, exactamente o mesmo que se lle pediu ao Executivo de Rajoy en 2014 -cando Alcoa ameazou con pechar- e que os populares si resolveron.
Tellado valorou tamén o papel que teñen desenvolvido en paralelo tanto a Xunta como o Grupo Popular no Parlamento, respondendo con axilidade ao anuncio da empresa, reuníndose cos actores políticos, empresarias e sindicais para ofrecer a mediación necesaria; procurando unidade de acción entre as diferentes administracións, independentemente da súa cor política; e tecendo consensos no Parlamento, para acadar unha posición de unidade de todos os grupos.
Ademais, lembrou que a Xunta tense anticipado a este problema: na reunión que mantivo o presidente Feijóo co presidente Sánchez o pasado mes de xullo; na que sinalou a necesidade de manter a competitividade da industria electrointensiva, pensando xustamente en Alcoa; e tamén na xuntanza que o o conselleiro Francisco Conde tivo no mes de agosto co secretario de Estado de Enerxía, así como na Conferencia Sectorial de Industria a comezos de outubro, trasladando á ministra de Industria, Comercio e Turismo a urxencia de garantir un prezo da electricidade estable e competitivo.
Así, contrapuxo esta anticipación do Executivo autonómico coa pasividade do Goberno central, que non executa a partida de axudas orzamentada para este ano e non convoca a poxa de interrompibilidade de 2019, que tiña como obxectivo dar certezas para tres anos. “En vez de actuar neste sentido, este Goberno manda mensaxes que parecen repetir os erros doutros gobernos socialistas, que traerán unha enerxía máis cara para os nosos usuarios e unha enerxía menos competitiva para a nosa industria”, dixo.
A DESLEALDADE INSTITUCIONAL E SECTARISMO DO PSOE
Por outra banda, o secretario xeral referiuse á exclusión da Xunta da mesa de coordinación contra a violencia de xénero impulsada polo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. “Esta non é só unha mostra máis da deslealdade institucional e do sectarismo do Executivo de Pedro Sánchez, senón que ademais é unha irresponsabilidade maiúscula”, subliñou.
Para Tellado, deixar fóra á administración competente en atención social ás vítimas é menosprezar a unha das patas fundamentais na loita contra esta lacra. “Este é un tema que deberiamos excluír do debate partidista, por iso deberían ir xuntas todas as administracións, independentemente da súa cor política, e en iso levamos moitos anos traballando”, engadiu.
De igual xeito, aseverou que feitos coma este amosan as prioridades do Goberno central: “unha foto fronte ao que de verdade importa que, neste caso, é prestar a mellor atención ás vítimas, que merecen o maior dos respectos por parte dos representantes políticos”. “Trátase dun feito moi grave, xa que estamos falando dun asunto capital e moi sensible, onde debe primar a coordinación entre todos”, remarcou ao tempo que sinalaba que agardan que Losada se desculpe coa Xunta de Galicia e cos galegos e que rectifique, xa que esta é a única forma de acertar que teñen os socialistas.