O secretario xeral do PPdeG di que o regreso ás aulas e a seguridade destas é unha tarefa que debería ocupar e preocupar a todos “e o PPdeG seguirá a reclamar que así sexa”
25, setembro, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, apuntou que Galicia está a facer os deberes nesta volta á clase con máis medidas de seguridade, máis profesores e máis tecnoloxía.
De feito, lembrou que desde a Comunidade levan semanas tomando decisións prudentes, responsables e axeitadas para a situación que estamos a vivir, e sinalou a volta ao curso gradual -incluso tendo que adiar o inicio de ESO, FP e Bacharelato, de maneira que algo máis de 200.000 alumnos comezaron as clases esta semana-; o reforzo de 2.000 docentes en diferentes niveis de ensino; ou o Plan de contixencia para a educación non presencial e semipresencial aprobado onte, que pon a disposición dos alumnos ata 55.000 equipos electrónicos para apoiar esta opción de docencia se a situación sanitaria así o requerise.
Ademais, Tellado manifestou que é necesario tamén, como fixo onte o conselleiro de Educación na reunión sectorial, pedirlle ao Goberno central que cumpra coa súa parte da responsabilidade. “Estamos nunha situación excepcional e como tal cremos que todas as administracións deben asumir parte da mesma”, engadiu.
Segundo recordou, os fondos comprometidos ata o momento polo Estado para educación, que rondan os 93 millóns de euros, se corresponden co ano 2020. Tendo en conta que o curso escolar abrangue tamén máis da metade do ano 2021, o conselleiro cifrou nuns 30 millóns a cantidade adicional que o Goberno central deberá transferir a Galicia ata o remate de curso.
Polo tanto, a nosa Comunidade fixo un esforzo orzamentario importante cos profesores, os equipos, e os desdobramentos de aulas pero a Xunta tamén fixo unha demanda razoable, estudada e ben dimensionada ao Executivo central. “A volta á clase e a seguridade nas aulas é unha tarefa que nos debería ocupar e preocupar a todos e o PPdeG seguirá a reclamar que así sexa”, asegurou o secretario xeral.
DAR CERTEZAS ÁS EMPRESAS
Por outra banda, o número dous dos populares galegos referiuse á situación na que se atopan as fábricas de Alcoa en Lugo a escasas 48 horas de que acabe o prazo para a venta ao Grupo Liberty House.
“É preciso garantir a continuidade da produción de aluminio primario en San Cibrao e dos mil empregos que están en perigo. Ese é o principal obxectivo e cremos que merece que todas as partes amosen unha vontade real e efectiva para acadar un acordo, e máis cando non existe xustificación posible que impida a Alcoa achegar posturas con Liberty House”, aseverou.
Tras subliñar que desde Galicia demostrouse un espírito de colaboración que se mantén intacto, tanto coa empresa como con outras administracións e poñendo sobre a mesa os mecanismos para permitir ao comprador desenvolver un plan industrial viable e de futuro; resaltou que agardan que o Goberno tamén avance na aprobación de medidas necesarias para garantir un marco enerxético competitivo para a nosa industria electrointensiva e que a planta de aluminio de San Cibrao poida optar aos fondos de reconstrución europeos.
Nese senso, Tellado amosou a súa preocupación logo de que os socialistas galegos desviasen a atención sobre a cuestión do prezo da enerxía esta semana no Parlamento, xa que “sen un prezo competitivo da electricidade e un marco que lle dea certezas ás empresas, a posible venda de Alcoa só será un parche a curto prazo, e sabemos que nun futuro haberá máis casos coma este na industria electrointensiva galega”.
Así mesmo, lamentou que, desde a chegada de Sánchez á Moncloa, a industria galega leva moitos meses nunha situación límite, necesitando certezas e confianza e que garantan a súa viabilidade e os seus postos de traballo. “Hoxe Galicia necesita, máis que nunca, unhas empresas competitivas, que poidan facer fronte ao duro horizonte económico que temos por diante”, salientou.
O USO PARTIDISTA DA FEGAMP
Por último, o secretario xeral do PPdeG afeou o uso partidista que o PSdeG está a facer da Fegamp, unha administración que debe estar ao servizo de todos os galegos.
Tellado considerou que Gonzalo Caballero, que semella que non aprendeu nada dos resultados do pasado 12 de xullo, aproveita cada ocasión que ten para facerse unha foto cun alcalde, como fixo con Alberto Varela, rexedor de Vilagarcía e presidente da Fegamp, “xa que non hai moitos do seu partido que estean dispostos”.
Tal e como remarcou, Varela “non se debería prestar a certas manobras partidistas que non benefician a ninguén” e advertiu sobre os perigos de usar as administracións públicas para defender os intereses dos propios partidos, como fixo hai semanas Abel Caballero, presidente da FEMP, dando as costas ás reclamacións dos concellos que rexeitaban que o Goberno central incautase os seus fondos.