4, febreiro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Galicia está consolidando o emprego creado nos últimos anos, comezando 2019 con 15.086 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do 7,94%, cun nivel de desemprego moi inferior ao de hai unha década e cun ritmo de baixada superior ao rexistrado no Estado en 2,45 puntos. “Mentres en Galicia baixa o paro, en España medra a incerteza”, remarcou.
Así se expresaba logo de publicarse esta mañá os datos do paro de xaneiro, onde por sexto ano consecutivo redúcese o desemprego no primeiro mes. Ademais, salientou que, tamén a nivel anual, a calidade dos postos de traballo segue mellorando, aumentando a contratación indefinida nun 7,71% e a un ritmo moi superior ao reflectido na contratación temporal – a subida é maior en Galicia que en España en case tres puntos-, sen esquecer que os contratos a tempo completo tamén medran nun 3,11%.
Ademais, o desemprego baixa nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, e en todos os colectivos con máis dificultades para atopar un traballo: os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración -tres de cada catro persoas que saíron do paro no último ano pertencían a este último grupo-.
“Os datos reflicten as diferenzas entre o que está ocorrendo en Galicia e o que acontece en España”, apuntou o secretario xeral, engadindo que, por iso, a nosa Comunidade “quere blindarse contra a incerteza que presenta o Goberno de Pedro Sánchez”.
Como lembrou, os galegos comezaron o ano cuns Orzamentos aprobados que buscan afianzar o crecemento económico e a creación de emprego mentres o Goberno central unicamente ten un borrador “ao que ningún organismo independente lle dá credibilidade e que só busca contentar aos independentistas cataláns”.
FORTALECER O NOSO TECIDO PRODUTIVO
Así mesmo, Tellado aclarou que aínda queda moito esforzo por facer xa que, malia que é un comportamento que se vén producindo en Galicia ao longo de toda a serie histórica, o paro subiu en xaneiro con respecto ao mes anterior. “Precisamente por iso, temos que continuar impulsando as políticas activas de emprego e seguir traballando con estabilidade e certeza”, aseverou.
Como sinalou, a caída do desemprego vén aparellada da consolidación do noso tecido empresarial, que cada vez produce máis e mellor, e o obxectivo do Goberno galego é seguir fortalecendo ás nosas empresas para que creza a súa competitividade, o que repercutirá na creación de postos de traballo en Galicia e na mellora da súa calidade.
Igualmente, subliñou que as cifras acadados este mes demostran que a calidade do noso mercado laboral está mellorando. De feito, contamos con máis emprego indefinido e a tempo completo na evolución anual e mensual; os últimos datos da EPA reflectiron que case tres de cada catro asalariados galegos son indefinidos, sendo o 95% do emprego creado en 2018 deste tipo; e a nosa taxa de paro é a mellor da última década (12,04%).
Por último, Tellado afirmou que, ao contrario do que fai o Executivo de Sánchez, o Goberno galego seguirá fixando as bases do traballo do futuro e desenvolvendo políticas que xiran en torno á innovación e a formación, posto que esa é a mellor maneira de estabilizar o emprego, atraer investimento a Galicia e chegar a novos mercados.