3, agosto, 2018.O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “nin toda a cociña do CIS vai ser suficiente para branquear un dos maiores recortes da historia da autonomía nin a un goberno disposto a humillar a Galicia día si e día tamén”, logo de coñecerse que o Executivo de Pedro Sánchez pretende que a nosa Comunidade conte para os Orzamentos do vindeiro ano con 200 millóns menos que o ano pasado procedentes do sistema de financiamento autonómico e as liquidacións do IVE.
“Desde o PPdeG só podemos dicir que esta decisión do Goberno socialista é absolutamente inaceptable, absolutamente inexplicable, e absolutamente indecente en termos políticos”, manifestou engadindo que Galicia leva, desde que comezou a crise económica, “xestionando as súas contas con rigor, seriedade, e de acordo coas esixencias do Goberno central” polo que non hai ningunha razón lóxica para esta decisión política nun contexto de recuperación económica e de crecemento dos orzamentos.
Como recoñeceu, os mesmos que criticaron durante anos ao PP por ser serios e recortar o gasto en épocas de crise, hoxe son os que sacan a tesoira para recortar en tempos de crecemento económico, “demostrando así unha vez máis que as políticas socialistas son totalmente incompatibles coa lóxica económica”. “Nin nos peores momentos de axuste nos gobernos de Zapatero ou Rajoy se propuxo un recorte a Galicia destas dimensións, dixo.
Logo de subliñar que “os galegos non están dispostos a pagar a factura da letra pequena dos pactos do señor Sánchez”, apuntou que desde o PPdeG, só se lles ocorren dúas explicacións posibles a este “recortazo” de Sánchez e que non son incompatibles entre si: que os socialistas queren castigar a Galicia, como xa amagaron facer co AVE e como xa fixeron tantas veces na nosa historia, por ser un territorio no que electoralmente non lles vai ben; e porque “Pedro Sánchez necesita moitos recursos para pagar os favores que lle fixeron os seus socios de moción de censura: Podemos, os independentistas cataláns e os herdeiros de Batasuna”.
Ademais, Tellado tamén lamentou a posición do Delegado do Goberno nesta cuestión, xa que cando Javier Losada tivo que escoller entre os intereses de Galicia ou os intereses do PSOE, escolleu poñerse de parte do Partido Socialista.
REUNIÓN ENTRE PABLO CASADO E PEDRO SÁNCHEZ
Sobre a primeira reunión celebrada onte entre o novo líder nacional do PP, Pablo Casado, e o presidente do Goberno, Tellado destacou que “malia que hoxe en España vivamos na anomalía de ser gobernados por quen perdeu as eleccións, nós debemos saudar o talante construtivo co que Casado acudiu a este encontro, e a súa vontade de facer un traballo de oposición firme pero responsable, que defende sempre os intereses do noso país, que é o sinal de identidade do noso partido”.
O secretario xeral lembrou que Casado levou unha axenda importante de pactos que lle ofreceu ao xefe do Executivo en materia de política económica, de seguridade e loita contra o terrorismo, e de educación; ademais de presentarlle a súa idea de proposición de Lei para que se reforme o noso sistema electoral de cara a que nas eleccións municipais se favoreza o goberno da lista máis votada.
“Desde Galicia hai anos que avogamos porque se dean pasos na dirección de favorecer ao goberno da lista máis votada, porque entendemos que é máis xusto coa vontade dos veciños; é máis axeitado para dar estabilidade ás institucións; e non é unha reforma partidista, porque non beneficia a priori a ningunha formación, senón a todos aqueles que obteñan o respaldo da veciñanza”, salientou mentres sinalaba que agardan que os demais partidos se sumen a esta proposta no trámite parlamentario.