2, agosto, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou esta mañá os datos publicados do paro de xullo, nos que Galicia foi a autonomía que rexistrou a maior baixada do desemprego do pasado mes e na que máis subiron as afiliacións. «Non é casual que sexa Galicia, a única comunidade con maioría absoluta e con estabilidade institucional, a que leve liderando a creación de emprego durante os últimos meses», subliñou.
Así, Galicia conta con 163.412 parados, a menor cifra desde setembro de 2008. En termos intermensuais, o número de parados baixou en 6.653 desempregados respecto ao mes anterior, o que supón un descenso do 3,91%, por riba da media (0,86%); e xa atendendo a xullo de 2017, o desemprego descendeu na nosa Comunidade en 18.459 persoas (un 10,15%) o que significa que, de manterse esta tendencia, superarase o obxectivo da Axenda 20 de reducir o paro en 20.000 persoas ao ano.
«Pedro Sánchez ten a sorte de ter recibido unha herdanza económica brillante que xa avanzou que vai estragar en canto teña ocasión, con subidas de impostos e aumentando a rixidez do mercado de traballo», lamentou Tellado, que tamén apuntou que «as incertezas que xera o goberno socialista comezan a frear a nosa economía, cunha ralentización clara do noso crecemento».
«Lamentablemente, cremos que xa comezou a conta atrás de Pedro Sánchez para arruinar a situación que atopou ao chegar á Moncloa, aínda que o presidente do Goberno desde o avión oficial non sexa capaz de velo», sinalou o secretario xeral do PPdeG.
Do mesmo xeito, o número dous dos populares galegos deixou claro que, dende Galicia, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo seguirá traballando para continuar na senda da creación de emprego pola que leva apostando nestes últimos anos. Nese senso, puxo en valor que as condicións laborais dos nosos traballadores están a mellorar cada vez máis grazas á estabilidade do Executivo galego, que está permitindo incrementar o número de postos de traballo e blindar o gasto social.
Por todo isto, Miguel Tellado celebrou que a Xunta continúe desenvolvendo iniciativas que xeran emprego de calidade e benefician ao noso mercado laboral, ademais de proporcionar unha formación aos traballadores que está adaptada ás necesidades reais das empresas, algo que é tamén unha prioridade constante para o Goberno galego. De feito, estanse a reforzar as iniciativas de cualificación á carta con 135 millóns de euros este ano.
Igualmente, o secretario xeral destacou tamén o apoio ao emprendemento, clave para xerar novas oportunidades. Ao respecto manifestou que o Executivo autonómico segue executando a Estratexia Autónomo 2020 para axudar ao talento galego a desenvolver as súas ideas con 40 millóns de euros anuais, poñéndose en marcha este ano dúas novas iniciativas -que aínda se poñen solicitar- para apoiar aos autónomos no relevo xeracional e para darlles unha segunda oportunidade.