Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2017.- O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, asegurou hoxe que “non hai táctica de intimidación capaz de silenciar a voz do PPdeG”, e pediu aos que non cesan nese intento que desistan canto antes.
A sede dos populares galegos rexistrou pintadas ameazadoras no día de onte por parte de alguén que, ademais, lanzou ovos contra o cartel que inclúe o logo do partido. O ataque dá continuidade a outros sufridos noutras provincias recentemente, como o padecido polo PP de Vigo ou o acontecido hai uns días por parte dunha persoa que lanzou un artefacto incendiario contra a residencia do presidente da Xunta. Estes e outros casos evidencian que en Galicia hai persoas que pretenden facer do medo unha canle para expresar as súas ideas.
“Os galegos somos un pobo pacífico que fuxe de condutas inadecuadas como esta”, dixo o número dous do Partido Popular de Galicia, apuntando que son as urnas as que deben dirimir as diferenzas políticas.
Tellado engadiu que o PPdeG porá a disposición da Policía as imaxes das cámaras de seguridade da súa sede para intentar identificar a aqueles que expresan as súas discrepancias dun xeito tan inaceptable.
O secretario xeral afirmou que “nin o 47% dos galegos que representamos como partido, nin a inmensa maioría dos que non pensan coma nós e escollen outras formación políticas, avalan este tipo de prácticas”. “E por iso sería importante facer unha condena unánime de actos violentos e agresivos que non teñen reflexo na vida cotiá da sociedade galega”, sentenciou.