Indica que a educación é unha ferramenta para formar cidadáns libres, pois desenvolver o pensamento crítico consolida unha democracia plena
O número dous dos populares galegos, Miguel Tellado afirmou na inauguración da xornada “Educación: un medio para un fin” que desde o PPdeG defenden un modelo educativo baseado na calidade e na equidade, un que garanta a igualdade de oportunidades, desenvolva a cultura do esforzo e forme cidadáns críticos e libres.
Tras destacar que a educación é unha das bases programáticas do seu partido e da acción do Goberno galego, incidiu en que esta é a mellor ferramenta para asegurar a igualdade de oportunidades, sen importar a procedencia xeográfica ou socioeconómica. Como explicou, independentemente de se un alumno estude nun centro en Lugo cidade ou nunha pequena escola unitaria nunha aldea da Ribeira Sacra, “o sistema educativo galego garante que a súa educación sexa igual de boa”.
Sen embargo, lamentou que haxa partidos que pretendan “igualar por abaixo”, cun modelo que busca lograr que todos os alumnos sexan iguais rebaixado os estándares de calidade, simplificando e reducindo os temarios, atacando a escola concertada, evitando que se poida repetir curso e quitando ao profesor a súa capacidade avaliadora. Segundo manifestou, en lugar de empobrecer a educación, débese preservar a calidade, a equidade do sistema, o prestixio e a autoridade do docente.
Do mesmo xeito, fixo fincapé en que a educación debe desenvolver a cultura do esforzo, xa que o igualitarismo, que pouco ten que ver coa igualdade, quere destruír a xerarquía do coñecemento na que se basea calquera aprendizaxe.
En terceiro lugar, tamén resaltou que a educación é unha ferramenta para formar cidadáns libres, pois desenvolver o pensamento crítico é a única forma de salvagardar a liberdade do individuo e consolidar unha democracia plena. Así, para evitar a manipulación, débese consolidar un sistema que dote a cada cidadán coas ferramentas e coñecementos para pensar por si mesmo fronte aos que pretenden impoñer unha “verdade oficial”.
PIARES DO NOSO MODELO
Como sinalou Tellado, para poder lograr estes tres grandes obxectivos, son imprescindibles os tres piares dun modelo educativo de éxito: os alumnos, os docentes e as familias. Neste sentido, engadiu que hai que conxugar os dereitos dos alumnos, a capacidade dos docentes e o papel indispensable das familias involucradas.