Pide desculpas polos erros das últimas semanas e salienta a importancia de facer unha “sincera e profunda autocrítica” para saír fortalecidos
O número dous do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o Partido Popular estará á altura dos seus afiliados e dos millóns de españois que confían na formación e apunta que traballará unido para demostrar que é a alternativa seria e rigorosa a un Goberno socialista “cada vez máis excéntrico” e afastado dos problemas reais dos cidadáns.
Durante a súa intervención en rolda de prensa, na que recordou ás vítimas do pesqueiro Villa de Pitanxo e ás súas familias, o secretario xeral pediu desculpas tras unha das semanas máis difíciles da historia do PP en termos orgánicos: “Somos o primeiro partido da nosa Comunidade e a organización, a nivel nacional, non estivo á altura do que se espera de nós, tanto para os nosos afiliados e votantes, como para todos aqueles que non o son pero cos que tamén temos a obriga de representar unha alternativa seria e solvente para España”.
Igualmente, salientou a importancia de recoñecer os erros e facer unha “sincera e profunda autocrítica”, aclarando que a forza dos populares nace da forma en que corrixen eses erros e da maneira na que se levantan máis fortes e unidos. Así mesmo, explicou que é o momento de pasar páxina e mirar cara o futuro e, para logralo, lembrou que o PP marcou dúas datas que definirán o seu novo horizonte: a Xunta Directiva nacional do 1 de marzo, co obxectivo de convocar un Congreso Extraordinario; e ese conclave, que será aberto e plural, elixirá a nova estrutura directiva do partido e debuxará un novo escenario político en España.
Desde o absoluto recoñecemento ao labor feito ata agora polo presidente nacional, Pablo Casado, Tellado afirmou que os populares traballarán durante este mes por rearmar a formación, reorganizarse internamente e preparar un gran congreso que escoite á militancia e una a todo o partido ao redor dun novo liderado e dun proxecto sólido. “Toda España espera moito de nós. Nestes momentos temos que estar á altura do legado e da tradición histórica do PP, que foi fundado por un galego e no que militaron catros dos sete pais da Constitución”, engadiu.
“Temos unha obriga con este país e asegúrolles que imos cumprila. Xuntos imos traballar por construír esa alternativa que se fará efectiva no momento no que Pedro Sánchez convoque Eleccións Xerais”, subliñou indicando que pode que non quede moito para iso, pois o socialista prometeu que non adiantaría a data dos comicios e, tendo en conta a súa incapacidade para manter a súa palabra, é probable que o adianto electoral poida producirse moi pronto.
“Estaremos preparados”, dixo destacando que a súa organización ten un proxecto de país sensato e sereno, sen estridencias, que é o que agora mesmo máis necesita España, un que logre frear os nacionalismos e os populismos e que reduza a presión fiscal que devora a nosa economía.