Para o secretario xeral do PPdeG, “gañou o candidato oficialista, que vai permitir a Besteiro seguir sendo a man que mece o berce do socialismo desde a sala de espera dos xulgados”
Miguel Tellado afirma que “o PSdeG converteuse nun bipartito en si mesmo en Galicia” logo da celebración das primarias
• “O gran derrotado destas primarias é Abel Caballero. O seu liderado quedou totalmente roto e agora non hai dinoseto que repare a súa honra despois desta debacle que sufriu”
Santiago, 29 de maio de 2016.- O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, afirmou hoxe en Ferrol que “o Partido Socialista converteuse nun bipartito en si mesmo en Galicia” logo da celebración das primarias. “Onte gañou Leiceaga, o candidato oficialista bendicido por Pedro Sánchez e que vai permitir que Besteiro poida seguir sendo a man que mece o berce do socialismo galego dende a sala de espera dos xulgados de Lugo”, manifestou.
Tellado afirmou que o resultado das primarias “constata a división e fractura interna do PSdeG” e apuntou que os socialistas galegos atoparon un camicace para presentar ás eleccións galegas e que supere o peor resultado da historia dos socialistas galegos nunha convocatoria electoral autonómica en Galicia, que ata agora ostentaba Caballero”.
“O gran derrotado destas primarias é Abel Caballero. O seu liderado quedou totalmente roto e agora non hai dinoseto que repare a súa honra despois desta debacle que sufriu nas primarias socialistas”, indicou.
RETO: HIPOTÉTICO VICEPRESIDENTE DE BEIRAS
O secretario xeral do PPdeG apuntou que “o maior reto político de Leiceaga será agora ser hipotético vicepresidente de un hipotético goberno presidido por Beiras”. Neste sentido, lembrou que nestas primarias dos socialistas galegos “un candidato quería pactar con Podemos e outro non, e ganou o que estaría disposto a facer presidente a Iglesias en España e a Beiras en Galicia”.
“Esta é a deriva na que se atopa sumido o Partido Socialista en Galicia, que tivo que buscar nun ex dirixente do BNG ao seu próximo candidato ás autonómicas”, manifestou Miguel Tellado. Deste xeito, ironizou con que “Leiceaga podería protagonizar un remake da película Regreso ao futuro, pero habería que cambiarlle o título e chamarlle Regreso ao pasado.
Para rematar, Tellado criticou que “aos socialistas galegos non lles importa Galicia e non teñen nada que ofrecer en Galicia, están a outra cousa, e por iso aos galegos non lles importou nada estas primarias”.