3, xuño, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que Pedro Sánchez leva dous anos intentando desmantelar peza a peza a industria galega “e non o imos consentir”. Así, fixo fincapé en que está en perigo o futuro de milleiros de familias galegas, non só da Mariña lucense polo peche de Alcoa, senón tamén doutras comarcas galegas.
De feito, incidiu en que son dous anos de desleixo coas electrointensivas pero tamén de empeño en pechar as dúas térmicas galegas, de inacción no naval -sen carga de traballo nos estaleiros de Ferrol e de perda de contratos moi importantes-, de ataques ao sector do automóbil, e de ameazas ao noso sector forestal e do mar, coa reforma do Regulamento da Lei de Costas que pon en perigo ata un cento de empresas.
ABANDONAR O DESLEIXO E BUSCAR SOLUCIÓNS
Segundo expresou, pola falta dunha política enerxética por parte do Goberno central, hai 5.000 empregos directos vinculados á industria electrointensiva que están no aire. Ademais, lembrou que Alcoa San Cibrao é a única fábrica de aluminio primario que temos en España, pero semella que Sánchez e Iglesias apostan claramente por poñer fin a esta produción en España.
“Por respecto aos traballadores e ás familias, vai sendo hora de que o Goberno deixe claro cales son as súas intencións. Se realmente quere que a planta de San Cibrao sexa viable, ao igual que está intentando en Cataluña con Nissan, deben amosar a súa vontade de solución xa”, destacou.
Como explicou, calquera solución pasa por elaborar un plan sectorial para que o aluminio, ao igual que se ten anunciado para a automoción, opte aos 140.000 millóns de euros dos fondos da UE que recibirá España; pero, sobre todo, por fixar un prezo eléctrico que permita a esta industria ser competitiva, para que electrointensivas como Alcoa poidan traballar cun horizonte certo, lonxe dos vaivéns que sofren actualmente.
O número dous do PPdeG indicou que a pandemia vai deixar un horizonte moi delicado na economía galega e española polo que o que non precisamos son peches nin despidos que se poidan evitar. “Non necesitamos un Goberno que cree máis problemas dos que xa temos”, insistiu.
De igual modo, apuntou que os antecedentes deste Executivo non convidan a ser moi optimistas, animándoo a que abandone por fin o seu desleixo e afronte o problema para ter unha oportunidade de salvar Alcoa: “Empezaría ben se fixese caso á Xunta de Galicia e aprobase inmediatamente un estatuto electrointensivo coas alegacións que lle enviou o Goberno galego, xunto co asturiano e o cántabro”. Nese senso, recordou que o pasado 5 de marzo o PP anunciou que, se isto sucedía, o apoiaría no Congreso: “Que deixen de lado a inacción e a soberbia e collan a man tendida do noso partido”.
OS CÓMPLICES DE SÁNCHEZ
“Pedro Sánchez comezou atacando a industria galega en solitario, pero agora ten compañeiros nesta viaxe”, sostivo o secretario xeral en referencia a membros das Mareas de Podemos no Goberno como a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que dicía na última campaña electoral que Sánchez non arranxaba o problema de Alcoa porque non quería; ou ao BNG, o seu socio parlamentario, “que presume de ser decisivo nas votacións”.
“Sánchez é o máximo culpable, pero as Mareas de Podemos e o BNG son os seus cómplices no peche de Alcoa e en todos os agravios que leva cometidos con Galicia”, concluíu.