Ourense, 3 de febreiro de 2018.- O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, participou este sábado na clausura da Escola de Formación organizada polas Novas Xeracións da cidade de Ourense. Alí, pediulle á organización xuvenil que traballe “desde o inconformismo, a rebeldía e a ilusión por construír un proxecto político que realmente vale a pena”; e á mocidade en xeral que se erixa en “motor de cambio” para recuperar valores sociais beneficiosos como a liberdade, o esforzo e a capacidade de superación das dificultades.
Insistindo nesta mesma idea, o número dous dos populares galegos animou á xente nova a combater “aos populismos de esquerdas e de dereitas que o único que fan é ofrecer solucións máxicas a todos o problemas”, malia que non teñan nin a experiencia nin os coñecementos para resolvelos.
Neste sentido, Tellado lembrou que o Partido Popular ten xa 40 anos de historia dedicada á xestión pública, e que en Galicia ten unha ampla folla de servizos marcada polo “contacto cos veciños para escoitar as súas demandas e a autocrítica cada vez que cometemos algún erro”. Por iso, reivindicou o “orgullo” de defender a esta organización, “que en cada recuncho da nosa terra ten xente digna de admirar” e sinalou que “malia o que digan, calquera partido de Galicia se cambiaría polo noso sen dubidalo nin un só minuto”.
O MELLOR ALCALDE URBANO DE GALICIA
O secretario xeral aproveitou a súa visita á capital ourensá para enxalzar a Jesús Vázquez como “o mellor alcalde urbano de Galicia”, polo que tamén incidiu en que os mozos do partido axuden a que consolide o seu proxecto de cara ás vindeiras eleccións municipais e contribúan a que poida lograr unha maioría absoluta. Tellado valorou a Vázquez como un rexedor que “gañou as eleccións e está sabendo gobernar en minoría con brillantez”, malia ter en fronte unha oposición que só está intentando destruír o seu proxecto sen propoñer nada.
Do mesmo xeito, comparouno con outros alcaldes de cidades galegas que “despois de perder as eleccións, só conseguiron ter maioría no Pleno para ser nomeados e non volveron lograr sacar nada adiante. Así, ilustrou este argumento co exemplo do rexedor de Ferrol que “non soubo manter un pacto de goberno nin medio mandato e agora goberna unha corporación de 25 concelleiros unicamente con cinco do seu partido e dúas tránsfugas socialistas”.