30, novembro, 2018. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, preguntouse esta mañá se os votantes do PSdeG poden estar cómodos con que o seu partido teña como socio preferente en Concellos e Deputacións a un BNG socio de Bildu e Esquerra. De igual xeito, cuestionou se os propios votantes do BNG están de acordo con que o Bloque se coaligue cos herdeiros de Batasuna e con outro cuxos líderes se enfrontan a penas de cárcere por intentar dar un golpe de Estado.
Así se expresaba logo de coñecerse esta semana o acordo que semella que vai pechar o BNG para concorrer conxuntamente ás vindeiras eleccións europeas con Bildu e con Esquerra, tendo como futurible cabeza de lista a Oriol Junqueras -procesado á espera de xuízo acusado de delitos moi graves como son a rebelión e a sedición-. “O BNG estanos dicindo claramente que, se chegase ao Goberno, o seu modelo de sociedade é o da antiga Batasuna ou o do independentismo catalán” subliñou.
O número dous do PPdeG admitiu que, de confirmarse isto, “estaríamos ante unha situación moi grave, ante unha mostra máis da deriva na que se ten instalado o nacionalismo galego en algo máis dunha década, cando pasou de pactar coas versións máis moderadas e autonomistas do PNV e de CIU a negociar unha candidatura coa cara máis radical do independentismo vasco e catalán”.
“Se desde o BNG están convencidos de que en Galicia queremos ou necesitamos importar o modelo de confrontación social e de inestabilidade institucional dos seus socios, desde o Partido Popular de Galicia podemos entender a súa caída libre e que en cada elección que pasa sigan perdendo a confianza dos galegos”, manifestou.
SENTIDIÑO, MODERACIÓN E SERIEDADE
Por outra banda, Miguel Tellado referiuse ao Comité de Dirección autonómico que celebrará esta tarde o seu partido, unha reunión que terá como obxectivos fundamentais facer balance da actividade realizada este ano e coordinar o calendario e a estratexia de cara aos meses que temos por diante.
Tras lembrar que desde o triunfo nas autonómicas de setembro de 2016 o PPdeG comezou a traballar sen descanso para as municipais de 2019, afirmou que a apenas 6 meses da cita coas urnas, os populares teñen “cada día máis claro que estamos na obriga de acertar e de ofrecerlle aos galegos 313 candidaturas que merezan a súa confianza porque é máis necesario ca nunca levar a todos os recunchos da nosa Comunidade o proxecto serio e centrado que hoxe en día só encarna o Partido Popular de Galicia”.
“Cun Partido Socialista que despreza a Galicia e ao que só lle preocupa que Pedro Sánchez poida seguir desfrutando do avión oficial, cunhas Mareas de Podemos que levan meses ocupados na súa loita interna e que seguen desangrándose en batallas que nada aportan aos galegos, e cun BNG cuxo único proxecto para Galicia é copiar ao independentismo vasco e catalán; reivindicar o sentidiño, a moderación e a seriedade na xestión é a mensaxe que Galicia merece e necesita”, concluíu.