Di que o PPdeG non deixará que nos impoñan subidas fiscais disfrazas de harmonización nin desde Moncloa, nin desde a Generalitat de Cataluña
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, salientou que os populares presentaron esta semana unha proposición no Parlamento para defender a nosa autonomía fiscal garantida pola Constitución Española e polo Estatuto de Autonomía, e engadiu que levarán unha moción semellante a todos os concellos de Galicia.
Referíndose á suposta “harmonización fiscal” que o Executivo central pactou con ERC, manifestou que consideran intolerable que o independentismo catalán pretenda impoñen a política fiscal da nosa Comunidade.
“Sánchez e os seus socios queren pagar o seu despilfarro, os seus ministerios e asesores, e as loucuras do independentismo cos aforros e o traballo de todos os galegos, pero non o imos permitir. Defenderemos a legalidade vixente e non deixaremos que nos impoñan subidas fiscais disfrazadas de harmonización nin desde Moncloa, nin moito menos desde a Generalitat de Cataluña”, aseverou.
Igualmente, indicou que lles gustaría saber a opinión do BNG, que por enésima vez mantén un silencio cómplice ante esta clara intromisión nas competencias e no autogoberno de Galicia. “Que opina Ana Pontón de que os seus socios cataláns -comparte proxecto político e listas europeas co ERC e con Bildu- decidan a política fiscal galega? Que clase de nacionalismo galego defenden ao servicio da Generalitat de Cataluña?”, preguntou Tellado definindo como lamentable a evolución de Pontón, que empezou a súa carreira política ás ordes de Beiras e, 20 anos despois, continúaa ás ordes de Junqueras e de Rufián.
UN REPARTO TRANSPARENTE E OBXECTIVO
Durante a súa comparecencia en rolda de prensa, o secretario xeral asegurou que Pedro Sánchez traizoou á Comunidade en cada oportunidade que tivo, como acaba de facer cos PXE e como pode volver facer co reparto dos fondos europeos e co seu pacto con ERC sobre a fiscalidade das Autonomías. “Unha traizón que conta co aplauso cómplice do PSdeG e coa resposta tibia do BNG, que critica a Sánchez nas salas de prensa, pero segue sendo o socio indispensable dos socialistas en Galicia” remarcou.
Deste modo, amosouse preocupado polo reparto dos fondos europeos Next Generation, que son unha oportunidade extraordinaria para a recuperación da nosa economía e para impulsar a transformación do noso sistema produtivo cara un modelo sustentable, máis verde e dixital.
Consciente desta ocasión única, resaltou que o Goberno galego leva moitos meses traballando contando coa colaboración dalgúns dos expertos económicos máis relevantes de Galicia, que deseñaron un listado con máis de 100 de proxectos para aspirar a estes fondos. Nese senso, aclarou que se trata duns expertos coñecidos, con nomes, apelidos e currículo dispoñibles para a súa consulta por calquera cidadán ou medio de comunicación.
Fronte a todo este traballo, afeou que a resposta do Goberno de Sánchez fose o sectarismo e o escurantismo, xa que as Comunidades seguen descoñecendo os criterios de reparto que se usarán para territorializar os fondos e só puideron saber pola prensa que centralizarán o reparto a través dunha comisión integrada unicamente polo presidente e os seus ministros. “Unha comisión exclusivamente política para un reparto de fondos exclusivamente político no que, moi probablemente, volverase castigar a Galicia”, insistiu.
Sobre isto, puxo en valor a iniciativa que se aprobou no Parlamento para demandar ao Goberno socialista uns criterios de reparto transparentes e obxectivos, unha proposta que contou coa negativa do PSdeG, “que só sirve aos intereses políticos de Sánchez”; e coa abstención do BNG, “que a pesar da súa guerra interna co PSOE segue sendo o socio necesario dos socialistas en Galicia”. “Seguen apoiando, por acción ou por omisión, a Sánchez. Un apoio moi ben pagado con cargos nas deputacións e concellos que, ao final do día, é o único importante para o Bloque”, sentenciou.