Santiago, 21 de marzo de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, pediu explicacións ao portavoz parlamentario de En Marea, Luis Villares, sobre o altercado protagonizado pola súa deputada, Paula Quinteiro, coa Policía Local de Santiago o pasado fin de semana. “Queremos saber se Villares respalda ou reproba o comportamento dunha deputada do seu grupo que se viu involucrada nun episodio de utilización da violencia na rúa”, manifestou.
“Estamos ante un caso moi grave de utilización de prerrogativas parlamentarias para impedir unha identificación policial”, asegurou Tellado referíndose ao publicado onte polos medios. Segundo o atestado, os axentes realizaban un control tras unha denuncia por vandalismo e Quinteiro intentou dificultar a intervención impedindo tamén a identificación que solicitaba a Policía.
O secretario xeral do PPdeG, que tamén estivo acompañado pola deputada Paula Prado durante as súas declaracións, asegurou que o acontecido afecta á esfera e á dignidade da Cámara galega, engadindo que “unha vez que un sae deste Parlamento somos cidadáns normais e correntes”. Por este motivo, subliñou que a actitude do “vostede non sabe con quen está falando” ten que quedar desterrada da política galega.
Ademais, Tellado salientou que “cada minuto que pasa sen que Villares se pronuncie empurra a esta deputada cara a dimisión” logo das vagas explicacións que deu onte Quinteiro e nas que fala de violencia policial, mentres o atestado recolle unha agresión a un policía que é empurrado e tirado ao chan.
Para rematar, o número dous dos populares galegos afirmou que “non hai lugar en Galicia para o que as redes sociais xa chaman Marea Borroka”.