Santiago, 10 de marzo de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, participou hoxe no II Torneo de Debate do PPdeG onde reivindicou que a súa formación “cre que a política só se enriquece desde o diálogo construtivo”.
Acompañado polo portavoz parlamentario do partido, Pedro Puy, animou aos participantes a defender con unllas e dentes as súas ideas fronte a aqueles que queiran impoñer as súas. Por este motivo instounos a amar o debate e o intercambio democrático de ideas, a saber construír os seus argumentos e defendelos diante de quen sexa; e a estar abertos a escoitar a quen pensa diferente e aprender del.
“Por riba de todo, o que vos pido é que nunca perdades a rebeldía, o orgullo e a liberdade de aprender cada día, de mellorar cada día, e de defender cada día as nosas ideas e os nosos valores”, remarcou.
Así mesmo, Tellado apuntou que en tempos de populismo, de demagoxia e de política feita a golpe de “zasca” en Twitter, “apostar polo debate nun formato académico é toda unha declaración de intencións”. “A declaración de que a este partido lle gusta a política baseada no rigor, na seriedade e nos datos; de que este partido cre que a política se enriquece desde o diálogo, no intercambio de ideas que serve para construír; e de que este é un partido aberto, que non ten medo a enfrontarse á actualidade, a analizala, a discutila e a traela aos nosos foros internos”, subliñou.
Por outra banda, o secretario xeral lamentou que non todas a formacións sexan como o PP, senón que “hai partidos en Galicia que cren que debater é insultar día si e día tamén á maioría do Parlamento, que representa á maioría dos galegos; que cren que debater é acabar as súas asembleas a patadas; ou que consideran que debater é querer impoñer con seis deputados os seus postulados ao conxunto dos galegos”. “Pero nós non somos así”, engadiu Tellado, destacando que os populares cren na palabra que constrúe, e non na que destrúe; naque convence, non na que impón; e na que avoga pola liberade e non se limita a repetir o pensamento único.
Durante a súa intervención, o número dous dos populares galegos tamén precisou que o PPdeG é un partido inconformista “porque dedicamos moito tempo a pensar en aquilo no que debemos mellorar, e en xeitos para melloralo”. “Por iso estamos todos aquí”, sentenciou, lembrando que o neste evento danse cita máis dun cento de persoas, entre participantes e xuíces e que, se xa o ano pasado foi un éxito, en 2018 aínda suscitou máis interese.