Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que rematar con 73.476 desempregados menos a segunda Lexislatura de Feijóo dos que había ao final da primeira “é un grande estímulo para arrancar a terceira”.
Tras coñecerse hoxe os datos do desemprego do pasado mes, Tellado puxo en valor que xa son preto de tres anos de baixadas consecutivas do paro na nosa comunidade que reflicten que Galicia pecha setembro con 21.401 desempregados menos que no 2015, o que supón un descenso do 9,92%.
O secretario xeral lembrou tamén que seguimos tendo menos paro que cando este Goberno da Xunta tivo que facer fronte á crise económica e a dúas recesións consecutivas como foron as dos anos 2010 e 2012.
Así mesmo, “as cifras non fan máis que ratificar que o crecemento estase a consolidar tal e como amosan os datos de afiliacións á Seguridade Social”, engadiu explicando que aumentaron na nosa comunidade con respecto a hai un ano nun 1,61% e que son xa 30 as subidas consecutivas.
“Xa non só se trata de que Galicia se sitúe a niveis de paro inferiores aos de setembro de 2009, é dicir, de hai 7 anos; senón que ademais o desemprego no mes pasado volveu rexistrar unha redución de xeito interanual nas principais variables”, subliñou.
E é que Galicia presenta un comportamento mellor que a media do Estado -sitúase 0,79 puntos por enriba-, baixa nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os sectores -liderando o descenso a construción seguido da industria-.
Igualmente, os niveis de desemprego diminuíron tanto en homes como en mulleres e en todos os tramos de idade, destacando o descenso nos menores de 30 anos nun 16,31% con respecto a hai un ano.
Así, segundo o número dous dos populares galegos, estas cifras indican que Galicia continúa coa tendencia positiva e que estamos na boa dirección da recuperación económica malia que “debemos seguir traballando para afianzar esta evolución e seguir creando emprego estable e de calidade así como para que a recuperación económica chegue a todos os cidadáns”.
Con respecto ao incremento de persoas desempregadas en comparación co mes pasado, un 0,67%, Tellado lembrou que o incremento do paro no mes de setembro é habitual, destacando que, aínda así, o aumento producido este mes é, sen embargo, o segundo menor desde o inicio da crise.
“Para o PPdeG non é unha boa nova que haxa un aumento do paro con respecto ao mes anterior pero, lonxe de desanimarnos, só nos motiva máis para lograr conseguir que esas subas sexan unha excepción e se confirme a tendencia á redución do desemprego”, precisou.
Deste xeito, recordou todo o esforzo realizado polo Goberno galego nos últimos anos neste ámbito, sinalando que os populares comprométense a continuar nesa senda conscientes de que o emprego é a base que mantén o bo funcionamento economía que, á súa vez, garante a viabilidade dos servizos públicos para todos os galegos.