“Se ten medo a perder co censo de Podemos, mellor que non se atreva co censo de Galicia”, sinala sobre o candidato da Marea
Tellado: “Santiago é a proba de que a oposición é incapaz de articular unha maioría alternativa”
• O secretario xeral do PPdeG destaca a aposta de Feijóo polo envellecemento activo, con máis atención na casa
• Pon en valor a labor do equipo de profesionais que traballan contra os incendios en Galicia e asegura que todo o peso da lei caerá sobre os “incendiarios criminais”
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2016.– O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, puxo hoxe a cidade compostelá como exemplo das posibles consecuencias da teórica alternativa ao goberno de Feijóo na Xunta: incapacidade de chegar a acordos entre as forzas que constituirían ese hipotético goberno galego e incapacidade absoluta para mostrar ningún proxecto común.
“Santiago é a proba de que as forzas da oposición son incapaces de articular unha maioría alternativa”, afirmou Tellado, sinalando ademais o agravante de que, ao contrario que Martiño Noriega, o teórico candidato da Marea á Xunta, o xuíz Luis Villares “carece totalmente” de experiencia de xestión pública.
Sobre Villares, Tellado ironizou sobre o seu anuncio de onte de que encabezará a lista por Lugo, antes incluso de que remate o proceso de primarias deseñado pola Marea: “as supostas primarias abertas da Marea non só é que teñan candidato único senón que os membros da coordinadora que as organiza, como o señor Noriega, lonxe de manterse neutrais están facendo campaña descarada polo candidato recomendado e disuadindo a calquera que pretenda dar un paso, empezando por Beiras”.Ante as dificultades que Marea e Podemos están a ter para unificar os seus procesos de primarias coa creación dun censo único, Tellado recomendou a Villares que “se ten medo a perder co censo de Podemos mellor que non se atreva co censo de Galicia”.
O número dous dos populares galegos indicou que Feijóo é o único candidato capaz de enfrontarse ao censo de Galicia cun proxecto, pois “non ten como aval a tres alcaldes senón a máis de 160”.Por outra banda, o secretario xeral tamén quixo expresar esta mañá en nome do PPdeG a solidariedade cos veciños da parroquia de Santa Cristina Fecha, en Santiago, que loitan contra o acoso do lume así como o apoio e recoñecemento ao equipo de 7.000 profesionais que traballan na comunidade para loitar contra os incendios e que “representan a esa “Galicia construtiva solidaria e unida na que todos cremos”. Así mesmo, dirixiuse aos “incendiarios criminais” aos que definiu como unha lacra e unha ameaza, asegurando que non van escapar da xustiza e que todo o peso da lei caerá sobre eles.
Tellado fixo estas declaracións no marco dunha rolda de prensa na que, acompañado pola deputada Maite Cancelo e polo vicesecretario de acción municipal Agustín Hernández, fixo balance do goberno de Alberto Núñez Feijóo e dos seus resultados para a área de Santiago.
UNHA GALICIA E UN SANTIAGO MELLORES PARA VIVIR
En primeiro lugar, Tellado fixo fincapé hoxe na forte aposta do goberno de Feijóo polo fomento da natalidade e da conciliación familiar. Deste xeito, puxo en valor o aumento dun 76% das prazas de escolas infantís financiadas con fondos públicos dende o ano 2009 así como a existencia das mellores deducións fiscais por fillo de todo o Estado ou as medidas de conciliación aprobadas para os empregados públicos: aumento en dúas semanas das baixas laborais por fillo e instauración da xornada flexible.
A deputada Maite Cancelo lembrou as 120 prazas postas a disposición dos composteláns a través das escolas infantís do Tambre de de Tras-Parlamento, que serán complementadas coas máis de 80 da futura escola que se construirá a través dun convenio coa Fundación Amancio Ortega. Pola súa banda, as 102 prazas da escola infantil posta en marcha en Ames se verán incrementadas noutras 82 coa nova escola desa localidade, con apertura prevista o próximo mes.No referente á atención sanitaria e social, Tellado puxo en valor os 26 centros de saúde creados nestes oito anos así como a aposta do goberno de Feijóo polo “envellecemento activo”, que o ten levado a duplicar os usuarios de teleasistencia, a duplicar as prazas de centros de día e a pasar de 2.700 a case 12.000 usuarios do servizo de axuda no fogar.
Cancelo concretou o impacto na área de Santiago desas políticas do goberno de Feijóo, poñendo en valor a recente apertura do centro de saúde de Galeras e o relevante incremento das horas do servizo de axuda no fogar en todos os concellos da área, que van dende o aumento nun 73% no concello de Teo ata o incremento superior ao 800% no concello de Val do Dubra.
GALICIA E SANTIAGO, CRECENDO E CON MÁIS EMPREGO
O número dous dos populares galegos lembrou que a taxa de paro é 3 puntos inferior á existente no comezo da lexislatura, que hai case 50.000 afiliados máis á seguridade social e que levamos once trimestres seguidos con taxas positivas de crecemento interanual do PIB.
Tellado defendeu este “crecemento sólido”, baseado en melloras estruturais da economía como o “récord histórico de exportacións” acadado o pasado ano e que vai camiño de superarse neste ou os “máximo histórico” de visitantes turísticos conseguido no primeiro semestre deste mesmo ano. O secretario xeral do PPdeG enxalzou a importancia do Camiño de Santiago nesa mellora turística, salientando que a Xunta ten un Plan Director dos Camiños para modernizar a súa oferta turística e que fixo un traballo de delimitación oficial de varias rutas, incluídas todas as entradas nesta cidade.
Pola súa banda, Cancelo puxo en valor a creación do Centro de Acollida a Peregrinos na capital e o proxecto xa en marcha para a nova estación intermodal de transportes de Santiago.