Coincide con Europa e coa vicepresidenta primeira do Goberno en que derrogar a reforma laboral é un atraso que costará milleiros de postos de traballo
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que “unha Galicia cos Orzamentos da Xunta e unha España coa normativa laboral do PP son capaces de crear emprego”. Deste modo, coincide coa Comisión Europea e coa vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, en que derrogar a reforma laboral é un “atraso” que costará milleiros de postos de traballo e que pon en risco a recuperación económica tras unha crise da que aínda estamos sufrindo os seus efectos.
“Vivimos momentos moi complexos e precisamos unha política menos frívola e máis pegada ás necesidades da nosa economía e da nosa sociedade”, subliñou ao tempo que aclaraba que o país non merece que se derrogue unha lexislación útil por puro interese partidista e sen consenso nin diálogo social, que o Executivo central teña decidido apostar por unhas receitas económicas contrarias ás do resto de países europeos e que se poñan en perigo empregos polas tensións internas do Goberno.
A RECUPERACIÓN DO MERCADO LABORAL GALEGO
O número dous dos populares galegos alertou das nefastas consecuencias da reforma laboral nun momento no que, tras os peores meses da pandemia, a recuperación do mercado laboral é unha realidade en Galicia: segundo a EPA do terceiro trimestre de 2021 somos a quinta Comunidade con menor taxa de paro e os datos de desemprego de outubro reflicten que temos menos que en outubro de 2008, no inicio da crise económica.
De feito, como amosan as cifras publicadas hoxe, na evolución anual o desemprego baixa en 27.262 persoas e diminúe por sétimo mes consecutivo, rexistrando unha caída maior que a do Estado e producíndose o maior descenso de toda a serie histórica en termos relativos e absolutos. Así mesmo, o paro baixa nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, nos menores de 30 anos, nas mulleres, no maiores de 44 e nos parados de longa duración.
Ademais, Galicia continúa superando o milleiro de afiliacións á Seguridade Social cun aumento do 2,04% e a contratación crece de xeito xeral nun 22,04%, crecendo a indefinida e a de tempo completo.
OPORTUNIDADES LABORAIS INCLUSIVAS
O secretario xeral fixo fincapé na necesidade de adiantarse ás novas oportunidades laborais derivadas da crise sanitaria para seguir creando emprego na nosa Comunidade. Nese senso, referiuse aos expansivos Orzamentos da Xunta para 2022, deseñados para ofrecer oportunidades de mellora e de inserción laboral a quen peor o está pasando e para posibilitar ás empresas atopar perfís preparados e axeitados aos oficios que precisan.
Tellado puxo en valor que as Contas estean pensadas para xerar oportunidades que gocen dun compoñente inclusivo, para romper a fenda de xénero e para que a xente moza e os maiores se beneficien da formación e da experiencia. Ao respecto, destacou que os Presupostos medren un 9,2%, dous puntos porcentuais por enriba da media da Xunta, e que se destinen máis recursos que nunca á formación para o emprego.
Igualmente, resaltou que as políticas activas de emprego apostan pola muller, a mocidade, a inclusión, a transformación dixital, a economía social e o emprendemento no rural, mencionando o plan Emprega Muller, para o que se destinan 33,4 millóns de euros; o plan Emprega Xuventude (51,8 millóns de euros) ou o investimento de 16 millóns de euros para medidas de conciliación e de 35,5 millóns de euros para as persoas con discapacidade ou en situación de risco de exclusión social.