Ourense, 21 de setembro de 2016.- O Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe en Ourense que “o bloqueo político que vive España nestes momentos non tería sucedido de terse imitado máis a Galicia”, polo que propuxo “seguir sendo unha excepción de unidade, estabilidade e responsabilidade”.
Feijóo indicou que “se o domingo hai eleccións en Galicia é pola mesma razón pola que eu pido o apoio dos galegos: por catro anos de estabilidade en Galicia, cumprindo co deber desde o primeiro ata o último día e para crecer e baixar o paro”.
TER MIRADO ANTES PARA GALICIA
Na súa intervención, fixo referencia a que “agora toda España parece estar pendente de Galicia porque hai eleccións”, pero demandou “aos políticos da oposición no Congreso dos Deputados que deberían ter mirado para Galicia moito antes e ter visto como fomos responsables desde moito antes nesta crise; cumprimos sempre coas nosas responsabilidades; e non deixamos de crer nas nosas posibilidades, confiando no noso naval, na automoción, no sector aeronáutico ou no lácteo”.
“Mantivemos a estabilidade mentres no Congreso asistimos a nove meses de loitas de egos; suprimimos o imposto de sucesións, baixamos o IRPF e eliminamos impostos no rural; axudamos ás familias e apoiamos ás nais e pais que teñen un fillo; facíamos un país mellor, cos pes na terra”, manifestou.
Así mesmo, apuntou que “non miredes tanto as urnas do domingo, mirade todo o que fixo o pobo galego neste tempo. “Non veñades a dar leccións, nin moito menos a descualificar. Vide a aprender do pobo galego cada día durante estes catro anos, o domingo das eleccións e, sobre todo, o luns, porque Galicia non vai estar en funcións nin perdendo o tempo nin un minuto”, solicitou.
UNHA ESPAÑA COMO GALICIA
“Eu non quero unha Galicia como España, quero unha España como Galicia, porque Galicia merece seguir sendo unha excepción”, afirmou. Deste xeito, pediu o voto a todos os galegos “sen excepción o próximo domingo: aos que sempre non apoiastes; aos que nos deixaron de votar noutras eleccións, porque Galicia merece a pena e nos reconcilia; e a todos os que noutras eleccións votaron Ciudadanos ou PSOE, porque hai dúas opcións de Goberno e na que eu propoño eles se sentirán máis cómodos e máis representados”.
Feijóo explicou que “eles preséntanse como inventores da democracia e salvadores, pero sempre á contra: a contra de todo o que este pobo acadou durante estes anos difíciles; á contra do que somos, queréndonos cambiar por outro pobo que se axuste á súa ideoloxía; e á contra de Feijóo”. “Fronte ás súas divisións, barreiras, fronteiras, liñas vermellas e bloqueos; no noso Si a Galicia cabemos todos, pode máis o país que os partidos e pode máis a suma de esforzos que os prexuízos”, indicou.
“O noso Si a Galicia non é dunhas siglas fronte a outras, nin consiste simplemente en derrotar ao outro, senón que é de todos os galegos e galegas que queremos dicir si á moderación, ao respecto, ao traballo conxunto, aos obxectivos comúns, a seguir avanzando e a Galicia”, dixo.
O Presidente do PPdeG asegurou que “é moito máis o que nos une do que nos separa”, porque sinalou que “a gran maioría dos galegos queremos que se cree emprego e se melloren as condicións laborais; que se actúe con responsabilidade e se siga crecendo; servizos públicos sostibles e mellores; que se apoie ás familias, que se axude ás nais e pais no coidado dos seus fillos; que haxa máis axudas para emprender; e seguir con estabilidade e avanzando”.
FALAR COS VOSOS
Para rematar, lembrou que “queda ben pouco para as eleccións do vindeiro domingo, pero é o tempo para que faledes cos vosos e lles preguntedes cando había mellores perspectivas de futuro, cando tivemos un goberno dividido ou agora; de que xeito se pode tomar máis en serio a un país para que se confíe nel, con estabilidade política ou cun espectáculo lamentable como o destes meses en España; ou se é mellor que o luns haxa un Goberno que estea traballando no que debe ou varios partidos facéndose un reparto”.
“Estou convencido de que se tedes esa conversa, por máis diferenzas que poidades ter, coincidiredes na mesma resposta que a gran maioría dos galegos queremos darnos a nós mesmos e darlle ao resto de España: En Galicia si”, finalizou.