O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, animou aos galegos e galegas a mercar nos comercios das súas cidades ou vilas, porque se contribúe ao crecemento da contorna máis próxima e porque venden produtos de proximidade: “Non hai cidade sen comercio de proximidade”, dixo Feijóo, quen engadiu que “comercio de proximidade é investir no noso: nos nosos produtos, na nosa xente, nos nosos veciños e nos nosos barrios”.
Na súa intervención, agradeceu o papel fundamental deste sector durante a crise do coronavirus e amosouse seguro de que o sector do comercio se recuperará e volverá a medrar como facía antes. Para iso, avogou por un “respaldo maioritario” dos cidadáns e por seguir facendo unha aposta forte neste eido.
No acto sectorial de comercio celebrado esta mañá en A Coruña, Feijóo afirmou que os autónomos e as pequenas e medianas empresas son esenciais para Galicia, polo que na última década recibiron máis de 248 millóns de euros a través de medidas específicas de fomento do emprego.
MEDIDAS CONTRA A CRISE DO CORONAVIRUS
Porén, manifestou que o sector do comercio é un dos máis golpeados pola crise sanitaria: en Galicia presentáronse preto de 9.000 solicitudes de ERTE que afectaron a máis de 40.000 traballadores deste sector.
Diante desta situación, sinalou que o principal problema que tiña este sector era a liquidez, para o que desde o Goberno do PPdeG púxose en marcha unha liña de liquidez de 250 millóns de euros, á que proximamente se sumará outra liña de microcréditos de 50 millóns de euros; e se aprobou o Cheque Autónomo para facer fronte aos gastos de actividade e de loxística desde o Estado de Alarma.
Posteriormente, unha vez que a situación volveu a normalidade, Feijóo sinalou que había que facelo con seguridade para recuperar a confianza da cidadanía. De feito, Galicia converteuse na primeira comunidade autónoma en enviar máscaras a comerciantes e autónomos que retomaron a súa actividade, coa distribución de cerca de catro millóns. A esta acción, sumouse o programa Reactiva comercio, turismo e servizos, para facilitar a adaptación dos establecementos e a adquisición dos equipos de protección individual.
O presidente do PPdeG engadiu que o confinamento tamén impulsou o comercio electrónico. Por iso, o Goberno autonómico leva investidos 40 millóns de euros nun plan de dixitalización. Por último, referiuse á Estratexia autónomo posta en marcha nesta lexislatura co obxectivo de axudar a este colectivo a poñer en marcha e consolidar os seus negocios.
REACTIVACIÓN ECONÓMICA
Todas estas iniciativas prevén bonificar a 55.000 persoas e forman parte do Plan de reactivación económica, a través do que se prevé un investimento público-privado de máis de 3.000 millóns de euros para recuperar a actividade económica e xerar emprego nos sectores máis golpeados. “Non será posible saír da crise se non reactivamos aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas”, salientou.
Este plan inclúe, ademais, vacacións fiscais ata o 1 de novembro de 2020; axudas para que as empresas adapten os seus proceso produtivos para fabricar material sanitario e de prevención laboral; axudas para completar as prestacións de menor contía ou apoiar os traballadores de máis de 55 anos que sufriron a extinción do seu contrato; anticipos aos traballadores afectados por un ERTE que non cobraron a prestación do Goberno central; e, no último Consello da Xunta, activáronse novas liñas de financiamento por valor de 60 millóns de euros, para facilitar a transformación do tecido empresarial.
IMPORTANCIA DO SECTOR TECNOLÓXICO
Así mesmo, Feijóo salientou a importancia do comercio en A Coruña, que acolle o 40 por cento das case 52.000 empresas deste sector existentes en Galicia. Neste sentido, manifestou que desde 2009 recibiron case 1.400 millóns de euros en axudas, que chegaron a beneficiar a máis de 120.000 persoas.
O presidente do PPdeG puxo énfase na importancia do sector tecnolóxico, que xera 22.000 empregos. Tal e como afirmou, trátase dun sector en auxe no que A Coruña ten moito que dicir, porque a metade da facturación e o 40 por cento do emprego se concentran nesta provincia.
Por este motivo, salientou que a importancia da Cidade das TIC de A Coruña, que porá a disposición das empresas tecnolóxicas as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento e a maduración dos seus proxectos. Neste punto, fixo fincapé en que o Goberno galego é a primeira administración que apoia a Cidade das TIC, e nas que vai investir 5 millóns de euros para remodelar un dos edificios da Fábrica de Armas, para implantar un viveiro de empresas do sector.